• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Acordo unánime do Pleno para a adhesión ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía e ao Proxecto Anllóns

31/01/2019

No Pleno ordinario celebrado hoxe a maior parte das iniciativas elevadas á sesión polo grupo de goberno local foron aprobadas por unanimidade dos tres grupos presentes –ausentouse o único representante do grupo mixto-.

Así, houbo acordo pleno para formalizar a adhesión do Concello da Laracha ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea co obxectivo de involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns nun compromiso para reducir as emisións de CO2 nun mínimo do corenta por cento de aquí a 2030, levando a cabo medidas que se aplicarán sobre edificios, instalacións, equipamentos, transporte e nos ciclos de tratamento de augas residuais e residuos sólidos urbanos. O alcalde, José Manuel López Varela, considera que “precisamos da implicación da parte pública e da privada para tomar medidas contra o cambio climático” e que o Pacto implicará “a redución das emisións de dióxido de carbono e o control das mesmas” en coordinación coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia. Ademais, neste sentido lembrou que nos próximos meses o Concello da Laracha substituirá por completo a iluminación pública na rede viaria e nos edificios municipais precisamente co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética.

A unanimidade repetiuse na adhesión ao Proxecto Anllóns a través do convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña e os diferentes municipios que forman parte desta iniciativa (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso). Farase a través dunha comunidade intermunicipal coa que se creará un espazo de cooperación no que serán consensuadas e deseñadas as actuacións concretas a levar a cabo para traballar no desenvolvemento turístico e posta en valor do río Anllóns e o seu entorno.

Tamén estiveron de acordo os tres grupos políticos na aprobación do estudo de detalle promovido por un particular co obxectivo de agrupar dúas parcelas do plan parcial Cancelo do Medio.

Por último, salientar que foi aprobada -coa abstención dos dous edís do BNG- a proposta de mostrar o apoio institucional do Concello da Laracha á Asociación para a Xestión do Xeoparque Costa da Morte na súa candidatura para ser integrado na Rede de Xeoparques Mundiais da UNESCO. O fin esencial desta iniciativa é o desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio con especial apoio nos seus valores xeolóxicos, naturais, patrimoniais e culturais mediante a posta en marcha de accións, programas, actividades e iniciativas de interese xeral. José Manuel López Varela valorou a iniciativa considerando que se trata dunha “aposta importante polo estudo da xeoloxía, a paisaxe e outros recursos da Costa da Morte” que pode implicar “novas posibilidades para potenciar o turismo”.