Concello
A mesa educativa e sanitaria sobre violencia de xénero contou por primeira vez con representación do poder xudicial
29/01/2019
O salón de plenos do Concello da Laracha acolleu hoxe unha nova reunión da Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino. A sesión foi copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao. Tamén estiveron presentes, tal e como é habitual, a concelleira de Muller, Rocío López, e os directores e orientadores do IES Agra de Leborís e dos tres colexios do municipio (CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión). Ademais, deuse á benvida a Paula Pérez e Ana Lamas (coordinadora e pediatra do centro médico), a Víctor Manuel Palmero, sarxento da Garda Civil e novo comandante do posto da Laracha, e a Iván Barallobre, o xuíz titular do Xulgado de Instancia e Instrución número 1 de Carballo. Por tanto, nesta sesión contouse por primeira vez cun membro en representación do poder xudicial.
Entre as cuestións que se abordaron a máis importante foi reforzar os mecanismos de coordinación entre os integrantes da Mesa e os protocolos a seguir ante a detección de posibles casos de violencia de xénero ou de violencia no ámbito doméstico.
Os profesionais dos diferentes sectores tiveron a oportunidade de presentar, debater e resolver as súas dúbidas ao respecto co obxectivo de que, no caso de darse unha situación desas características, poidan darlle resposta inmediata dun xeito coordinado e eficaz.
A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero está dividida en dúas mesas sectoriais. A de coordinación policial, que conta con representación da Policía Local e da Garda Civil, reunírase no día de onte tamén co propósito de reforzar os mecanismos de coordinación. En ambos casos, as próximas xuntanzas –que se celebran con carácter trimestral- quedaron fixadas para principios do mes de maio.
Unha vez máis, desde o Concello da Laracha mostra o agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas pola súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a lacra social da violencia de xénero e a violencia dómestica, labor no que o noso municipio é un referente en Galicia polas iniciativas que se levan a cabo ao longo de todo o ano.