• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras de apertura da nova vía que comunicará a estrada A Laracha-A Silva coa de Soandres

26/01/2019

Xa están en marcha as obras de execución do proxecto que ten por finalidade a apertura e dunha rúa de novo trazado no núcleo urbano da Laracha que enlazará a Avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª Travesía Doutor López Astray. 

Nestes momentos estase avanzando na escavación do terreo para a creación da caixa de ensanche da plataforma da calzada, que incluirá o afirmado parcial da mesma e tamén a  rede de recollida de augas pluviais.

O Concello da Laracha promove e financia integramente esta actuación, valorada en 50.000 euros, para crear unha circunvalación que conecte directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada de A Laracha-Soandres (DP-1913), mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha.

A nova estrada discorrerá pola parte posterior do IES Agra de Leborís e precisamente o proxecto é unha das actuacións previstas no Plan Especial de equipamentos educativos deste centro. O Concello da Laracha iniciou as obras unha vez concluído o procedemento de expropiación dos terreos afectados por dito plan, que foron 9.500 metros cadrados de superficie repartidos en nove parcelas. A adquisición supuxo un gasto de 57.539,57 euros.

Ademais da apertura da nova vía, o Concello da Laracha tamén promoverá novos proxectos para crear neste lugar equipamentos deportivos de titularidade municipal e de uso libre para a cidadanía.