Concello
Formalizado o contrato de construción do viveiro de empresas municipal que se levantará no polígono industrial
19/01/2019
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e os responsables da construtora Innova Desarrollos S.L. formalizaron o contrato de execución do proxecto de creación no polígono industrial do edificio que será o viveiro de empresas municipal. Despois deste trámite administrativo, nos próximos días estarase en disposición de iniciar as obras.
Este novo inmoble será levantado nun ámbito privilexiado como é a marxe esquerda do acceso principal ao parque empresarial, nunha parcela de titularidade municipal ben comunicada e que está cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal para albergar equipamentos. A súa superficie construída ascende a 613,55 metros cadrados, nos que serán habilitados catro despachos e catro naves, ademais de servizos xerais como un vestíbulo recepción, aseos, vestiarios, sala de reunións, aula polivalente e dous patios interiores abertos. O edificio estará estruturado en dúas zonas e cada unha delas poderá empregarse de xeito independente.
O orzamento do proxecto ascende a 395.000 euros. Para o seu cofinanciamento, o Concello da Laracha conta coa colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, que achegará 240.000 euros. Os 155.000 euros restantes procederán de fondos municipais.
O viveiro de empresas do Concello da Laracha conformará un espazo físico construído para favorecer o nacemento de novas sociedades de carácter industrial, ofrecéndolles aos emprendedores as condicións e servizos precisos, por un tempo limitado, para a implantación inicial e a consolidación. Deste xeito o Concello apoiará as iniciativas empresariais que contribúan á dinamización industrial, á promoción económica e á creación de emprego no municipio.