Concello
Formalizado o contrato de execución do proxecto de mellora da rede viaria en seis parroquias
14/01/2019
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o representante de Excavaciones Cernadas Valiña S.L. formalizaron hoxe o contrato de execución do proxecto de mellora da rede viaria nas parroquias de Erboedo, Coiro, Soandres, Lemaio, Torás e Vilaño. Despois deste trámite administrativo, nos próximos días comezarán as obras.
Trátase dunha actuación que contempla a mellora da superficie de rodadura dos vehículos e das cunetas en doce puntos de intervención diferenciados que suman un total de máis de cinco mil metros de lonxitude lineal. Todas as estradas obxecto deste proxecto son de titularidade municipal e melloran o acceso a núcleos de poboación rural.
Así, actuarase na ampla estrada que comunica o lugar de Vista Alegre co cruce de A Fraga e que discorre polas parroquias de Erboedo, Coiro e Soandres. En Lemaio a intervención afecta á vía que vai desde O Igrexario ata A Pontella, contemplándose tamén o pintado das marcas viarias. En Torás a obra situarase no acceso a Estramil desde a estrada provincial DP 1913. E na parroquia de Vilaño melloraranse catro estradas no núcleo de Marfulo, tres en Quintáns e dous en A Fonte da Canle.
Unha vez máis, coa execución deste proxecto –valorado en 154.000 euros- o Concello da Laracha mostra o seu compromiso co mantemento en bo estado de conservación da rede viaria municipal, tanto nas tres vilas como nos máis de trescentos núcleos de poboación rural existentes.