Concello
O Concello requiriu durante o ano pasado a 187 propietarios de parcelas para acometer a súa limpeza
11/01/2019
Ao longo do ano 2018 o Concello da Laracha notificou individualmente a 187 propietarios de solares situados nos núcleos urbanos, zonas da periferia e áreas residenciais de parroquias rurais que requiren dun tratamento especial, a obrigatoriedade de mantelos en óptimas condicións de conservación en cumprimento da Lei do Solo de Galicia.
En concreto, 120 desas notificacións foron sobre solares situados nas vilas da Laracha (80), Paiosaco (10) e Caión (30) e outros 67, en outras zonas periféricas e rurais.
Así mesmo, tamén foron incoados 72 expedientes de tala de árbores por incumprir as regulacións de distancias mínimas establecidas na Lei de Montes de Galicia e os preceptos da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre esta cuestión durante a primavera e nas primeiras semanas do verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a garantir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público das fincas privadas.
O Concello da Laracha agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos previos. Nos últimos anos diminuíu considerablemente o volume de notificacións municipais remitidas, que nalgún exercicios superou as catrocentas soamente nos núcleos urbanos.