Concello
Adxudicado o proxecto de construción do centro comunitario de Caión
10/01/2019
Na reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foi adxudicada á empresa Desarrolla Obras y Servicios a execución do proxecto de construción do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión, o que será o máis importante investimento na mellora das infraestruturas que realizará o Concello da Laracha con fondos municipais durante o ano 2019.
Oito empresas presentáranse ao procedemento de contratación desta obra, que está valorada en 1.190.920,37 euros. Dará resposta á necesidade histórica de dotar á vila de Caión cun edificio público con estancias, espazos e equipamento necesario para o desenvolvemento de iniciativas de interese xeral para a cidadanía e os sectores turístico e pesqueiro, centrándose especialmente na posta en valor do pasado, o presente e o futuro da cultura mariñeira da localidade.
O centro comunitario “Costa da Morte” construirase na parcela de titularidade municipal dispoñible para albergar equipamentos dotacionais no Campo da Insua. Será un edificio singular cunha forma exterior curva que recorda ao lombo das baleas en alusión á historia da caza dese especie en Caión durante os séculos XVI e XVII. O inmoble será plenamente multidisciplinar ao contar con oficinas administrativas, aulas polivalentes e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanza os 882,60 metros cadrados.
A actuación presenta unha clara vocación integradora, xa que o novo edificio albergará as novas dependencias da Confraría de Pescadores de Caión e o punto de información turística municipal. Ademais, serán habilitadas aulas temáticas e exposicións permanentes centradas na historia da pesca de Caión. Tamén se apostará polas novas tecnoloxías ofrecendo servizos de interese á cidadanía e aos turísticas empregando equipamentos dixitais. A dispoñibilidade das aulas permitirá realizar e promover en Caión novas iniciativas de interese comunitario relacionadas coa cultura, a formación, a educación e, sobre todo, o respecto ao medio ambiente e o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as áreas costeiras.
Unha vez adxudicado o contrato da obra, nos próximos días completaranse os trámites administrativos previos ao inicio da execución do proxecto, que ten un prazo estimado inicialmente en once meses.
Por outra banda, na Xunta de Goberno Local tamén se acordou avanzar nos dous procedementos de expropiación de terreos abertos na vila de Caión que afectan en total a 3.657 metros cadrados de superficie. Un deles trátase da compra das últimas parcelas cualificadas como sistema xeral de paseo marítimo que aínda non son de titularidade pública. O día 30 de xaneiro ás 11:00 horas no centro social de Caión procederase a realizar o pagamento do prezo estipulado e, a continuación, ao levantamento das actas previas á ocupación.
O outro expediente refírese aos terreos necesarios para mellorar a estrada de acceso principal á praia. A obra prevista suporá que a vía pase a ter dous carrís -un para cada sentido de circulación- e unha senda peonil diferenciada do ámbito de rodadura para mellorar a seguridade das persoas que se desprazan a pé. Deste xeito facilitaranse as comunicacións tanto de entrada como de saída ao areal e evitarase desviar o tráfico polo núcleo de A Pedreira durante o verán, resolvendo así as molestias que iso supoñía para a veciñanza desa zona. Tralo acordo da Xunta de Goberno Local, quedaron fixados os días 24 e 25 de xaneiro como as datas nas que debe acreditarse a titularidade dos bens e dereitos afectados.