Concello
O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética nos edificios municipais coa colaboración do IDAE
07/01/2019
O Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –entidade pública dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica- vén de comunicar ao Concello da Laracha a concesión dunha nova axuda económica para o desenvolvemento do proxecto de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal. Farase ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos singulares promovidos por entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
O proxecto está valorado en 63.316 euros e consiste na completa renovación das luminarias por outras LED de última xeración en todos os despachos e zonas comúns da Casa do Concello, do edificio de servizos múltiples, da biblioteca municipal da Laracha e do centro sociocultural de Paiosaco. O aforro enerxético está estimado nun setenta e cinco por cento. O IDAE financiará o oitenta por cento do proxecto e a cifra restante, uns 12.500 euros, serán achegados polo Concello da Laracha con fondos municipais.
Esta subvención súmase a outras tres concedidas previamente polo IDAE e xa recollidas nos orzamentos municipais para o exercicio económico 2019. Nese caso os proxectos refírense á renovación do alumeado público exterior nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, na totalidade dos máis de trescentos núcleos rurais das trece parroquias e tamén nos accesos ao parque empresarial. Grazas a estas actuacións manterase a calidade do servizo, pero diminuíndo a contaminación lumínica e reducindo o consumo eléctrico nunha media estimada en torno ao sesenta e cinco por cento. O investimento conxunto destas tres actuacións supera o millón de euros, dos cales o Concello da Laracha achegará 200.000 euros.
Salientar, por último, que está presentado un quinto proxecto –á espera da resolución- relativo ao cambio das luminarias nos pavillóns polideportivos Municipal da Laracha, o do IES Agra de Leborís, o de Paiosaco e o de Caión. O orzamento alcanza os 51.600 euros e incluiría melloras na iluminación das pistas e vestiarios, cunha redución no gasto eléctrico estimada no cincuenta por cento.
O Concello da Laracha destina anualmente un total duns 300.000 euros ao servizo de iluminación pública na rede viaria e nas citadas instalacións de titularidade municipal. Estes proxectos teñen por dobre obxectivo adelgazar ese gasto que se asume con fondos propios e con cargo aos orzamentos xerais municipais ao mesmo tempo que serían reducidas as emisións de dióxido de carbono das actuais luminarias sendo, por tanto, unha actuación respectuosa co medio ambiente.