Concello
Adxudicados os proxectos de mellora da seguridade viaria nos tramos urbanos da AC-552
30/12/2018
O Concello da Laracha concluíu o procedemento de contratación de dous proxectos que afectan aos tramos urbanos da estrada AC 552 ao seu paso polas localidades de A Laracha (Avenida Fisterra) e de Paiosaco (Avenida Bergantiños). Ambas actuacións foron adxudicas a SYR-AMG e están valoradas en total en 160.000 euros.
Na Avenida Fisterra da Laracha o proxecto céntrase na mellora integral da seguridade viaria. Unha das actuacións que se levarán a cabo será a creación dun novo paso para peóns –coa correspondente adaptación da beirarrúa- á altura da zona coñecida como Canta La Rana, é dicir, nas proximidades do extremo da avenida en dirección Carballo. Trátase dunha área residencial e comercial na que existen paradas de autobuses con marquesiñas e onde hai unha distancia considerable ata o seguinte paso de cebra en calquera das dúas direccións. Ademais, serán renovados o pavimento –está previsto actuar nunha superficie de dous mil metros cadrados- e as marcas viarias nos espazos reservados ao aparcamento de vehículos, tanto na zona azul como a de estacionamento sen limitación temporal. Nos tramos nos que o aparcamento se realiza actualmente en oblicuo e cara adiante, as novas marcas orientarán aos vehículos para facelos marcha atrás, tal e como se recomenda para facilitar posteriormente a incorporación á estrada.
A actuación na Avenida Bergantiños de Paiosaco consiste na completa renovación dos bordes da calzada en ambas marxes da vía para reordenar as zonas de aparcamento público de vehículos e, igual que no outro proxecto, reorientalos para estacionar marcha atrás. Contémplase, ademais, a renovación do pavimento neses espazos de estacionamento, a adecuación dos bordes das beirarrúas e a correspondente sinalización horizontal e vertical.
Cabe lembrar que recentemente estas dúas avenidas xa foran obxecto doutra intervención –xa rematada- que afectou aos doce pasos de peóns existentes, onde foron adaptados os vaos e instalados sistemas de reforzamento lumínico e nova sinalización vertical.