• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

José Manuel López Varela asiste ao acto de elección do alcalde do novo municipio de Les Sables d’Olonne

02/01/2019

Coa chegada do novo ano, en Francia vense de facer efectiva a creación do novo municipio Les Sables D’Olonne, froito da fusión dos tres antigos concellos que formaban o País de Olonne: Olonne-sur-Mer (co que A Laracha está irmanado desde o ano 2010), Sables d’Olonne e Château-d'Olonne.

Esta mañá celebrouse o acto oficial de elección do alcalde do novo municipio. Dos 99 concelleiros (33 de cada antiga commune), 61 escolleron a Yannick Moreau, o que era o rexedor de Olonne-sur-Mer, como máximo mandatario do novo Les Sables d’Olonne ata o ano 2020, cando se celebrarán as eleccións municipais. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, estivo presente nese acto e tivo ocasión de felicitalo en persoa.

Despois desta agrupación dos tres municipios, Les Sables d’Olonne convértese no segundo concello máis poboado do departamento da Vendée ao alcanzar os 45.000 habitantes.

Esta fusión tamén permitirá abrir novos horizontes e posibilidades para o irmanamento co Concello da Laracha baseado nos dous aspectos fundamentais que comparten ambos municipios: as posibilidades turísticas e a actividade marítima e pesqueira. Durante os últimos nove anos esa estreita colaboración tamén favoreceu que os veciños da Laracha e de Olonne-sur-Mer estreitasen lazos de amizade co desenvolvemento de actividades de intercambio e inmersión lingüística, así como eventos relacionados coa cultura, deporte e tradicións. Agora ditas iniciativas continuaranse levando a cabo co novo municipio de Les Sables d’Olonne.