• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os orzamentos de 2019 superarán a barreira dos dez millóns de euros por primeira vez

21/12/2018

O grupo de goberno local da Laracha elevará ao Pleno extraordinario que se celebrará a próxima semana o proxecto dos orzamentos para o exercicio económico 2019 despois de ser sometidos hoxe ao correspondente ditame da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas.

Os presupostos superan por primeira vez a barreira dos dez millóns (10.349.818,43 euros), rexistrando un incremento do vinte e nove por cento con respecto ao do ano anterior, que no momento de ser aprobados tamén foran os máis altos da historia do municipio.

O alcalde, José Manuel López Varela –xunto aos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito, Jesús Souto, Patricia Bello e Rocío López-, explicou en rolda de prensa que a alta previsión de ingresos faise de xeito rigoroso ao tomar como referencia o estado de execución dos actuais orzamentos a 12 de decembro e os datos da liquidación do exercicio económico 2017. Este incremento débese a que “a xestión do equipo de goberno” posibilitou obter financiamento doutras administracións para investimentos, programas de emprego e gasto corrente. Un ano máis as taxas e impostos municipais permanecen conxelados e nos tipos mínimos permitidos por lei, permitindo á cidadanía beneficiarse dunha baixa presión fiscal nos tributos que dependen do Concello.

López Varela salientou como eixos vertebradores dos orzamentos o seu carácter social, o esforzo investidor na mellora das infraestruturas públicas, a decidida aposta pola activación da economía local a través da formación en sectores profesionais con demanda de emprego, a calidade dos programas culturais e deportivos municipais, o apoio ao asociacionismo e a blindaxe das bolsas de estudos municipais.

Neste sentido, explicou que máis de 1,3 millóns de euros (un de cada oito euros dos gastos previstos) corresponden á prestación de servizos sociais e destinaranse ao financiamento da asistencia social primaria, isto é, programas da importancia e relevancia do servizo de axuda no fogar ou do Harmoniza (apoio á conciliación a través da aula lúdica municipal e do servizo Madrugadores), entre outros, así como as achegas municipais correspondentes ao centro de día e fogar residencial e á escola infantil, o mantemento dos centros sociais da terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión, o Centro de Información ás Mulleres e as diversas accións formativas e actividades de envellecemento activo que se levan a cabo ao longo de todo o ano. Tamén se inclúe nesta partida o fondo de emerxencia social, necesario para atender ás necesidades básicas das familias máis desfavorecidas.

O capítulo dos investimentos reais en infraestruturas está dotado con máis de tres millóns de euros. Os proxectos de maior entidade que se acometerán en 2019 e contemplados nos orzamentos serán a construción do Centro Comunitario “Costa da Morte” de Caión e do viveiro de empresas no parque empresarial da Laracha, a substitución da iluminación en diferentes puntos do municipio por outra de maior eficiencia enerxética e a mellora da rede viaria municipal nos núcleos urbanos e nas parroquias.

Os programas formativos para persoas desempregadas son outra das liñas mestras dado que “reducir as cifras de paro é unha das principais preocupacións do goberno municipal”. Considerando as posibilidades que ofrece o parque empresarial da Laracha e a saída dos anos máis duros da crise económica, o Concello está a apostar pola formación en sectores profesionais con demanda de traballadores, promovendo iniciativas como o programa integrado de emprego “Impulsa Emprego A Laracha” no que participarán cen persoas e o obradoiro de emprego que se está a levar a cabo xunto ao municipio de Arteixo e do que forman parte vinte alumnos traballadores.

En 2019 blíndanse as aplicacións de gastos en cultura, deportes e ensino. Isto implica garantir o financiamento necesario para a organización de actividades e programas municipais ao longo de todo o ano, o apoio ao asociacionismo (incluíndo clubs deportivos e entidades culturais) e a partida de 40.000 euros para a axuda económica aos estudantes das bolsas municipais.

No capítulo de persoal as retribucións de todos os empregados continúa estando determinadas polo establecido na relación de postos de traballo (RPT) municipal e contemplándose o incremento salarial para os empregados públicos previsto na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

O Concello da Laracha tamén renova a colaboración económica coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ,Confraría de Pescadores de Caión (polo museo do Arquivo da Pesca), Asociación de Comercio (ACSIL) e todas as comisión de festas das trece parroquias que organicen actividades para celebrar o seu patrón ou outros eventos tradicionais.

José Manuel López Varela concluíu considerando que os orzamentos “reflicten a situación económica saneada e a solvencia do Concello da Laracha”, cualificándoos como “serios e prudentes, adaptados á realidade municipal” e que “responden ás necesidades dos veciños do Concello da Laracha e apostan polo dinamismo económico”.