• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O portal de emprego municipal incorpora 247 empresas á súa base de datos

14/12/2018

O portal municipal específico de emprego que está operativo no dominio www.alaracha.es/emprego foi dinamizado polo Concello da Laracha incorporando as novas características que foron presentadas polo alcalde, José Manuel López Varela, e os técnicos do proxecto no acto público desenvolvido onte na Casa da Cultura da Laracha.

O obxectivo final desta serie de melloras foi actualizar o directorio de empresas do termo municipal e ofrecerlles de xeito gratuíto un espazo propio nesta web para dar visibilidade aos seus produtos e servizos, así como ás ofertas de emprego no caso de que teñen algunha praza vacante. Tamén se lles ofrece a posibilidade de acceder aos perfís das persoas que se inscriban, simplificándolles a posterior realización dun estudo pormenorizado das candidaturas.Unha vez rematado o traballo, son 247 as empresas que a día de hoxe xa están integradas no portal de emprego municipal.

Por outra banda, abriuse a posibilidade de ser usuario a título individual tamén ás persoas que non estean empadroadas no termo municipal da Laracha. Nestes momentos a cifra de demandantes de emprego que son usuarios da plataforma alcanza as catrocentas persoas, que poden consultar as ofertas de emprego, as novas máis relevantes nesta materia, solicitar calquera dos servizos que ofrece a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local municipal e xestionar o seu currículum vitae e envialo directamente desde a propia plataforma.

Este portal de emprego creouse para ofrecer un servizo municipal de colaboración entre o propio Concello da Laracha –a través da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, que xestiona a bolsa de emprego-, os demandantes e os ofertantes de postos de traballo. Nestes momentos o número de ofertas de emprego vixentes no portal ascende a 47.

O portal municipal de emprego é unha iniciativa pioneira na Costa da Morte que o Concello da Laracha ten en marcha cos obxectivos concretos de facilitar aos cidadáns laracheses a súa incorporación ao mercado laboral e favorecer a creación de emprego por parte das empresa radicadas no termo municipal.