Concello
A ocupación do parque empresarial da Laracha alcanza o 65% trala venda doutros 43.000 m2 de superficie
15/12/2018
O parque empresarial da Laracha consolídase como un dos polígonos con maior potencial de desenvolvemento da provincia da Coruña. Froito da continúa cooperación entre o Concello e a sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) -promotora da urbanización do polígono industrial da Laracha e propietaria dos seus terreos en venda-, vense de formalizar a adxudicación da totalidade das parcelas do bloque A2 (uso industrial) e a A3.1 (uso terciario/industrial de primeira categoría) a unha única sociedade que adquire a superficie total de 41.689,50 m2 para a súa implantación no ámbito do parque empresarial larachés.
Ademais desta gran operación, nos últimos días tamén foron vendidas a outras dúas empresas sendas parcelas de 675 m2 de superficie cada unha.
Despois destas tres operacións, a ocupación do parque empresarial da Laracha alcanzará o 65% da súa superficie neta, xa que dos 537.925 m2 dispoñibles inicialmente xa foron enaxenados en torno aos 348.000 m2.
O Concello da Laracha mostra a súa satisfacción despois da formalización destas tres operacións xa que o parque empresarial é o principal motor económico para o municipio debido á xeración de emprego que implica tanto polo persoal necesario para a construción das naves como polos postos de traballo estable que ofertan as empresas alí instaladas. A infraestrutura está preparada para albergar calquera tipo de actividade industrial. Caracterízase polo seu terreo chan, por ubicarse nunha situación xeográfica estratéxica (no eixo Arteixo-A Laracha-Carballo, preto da cidade da Coruña e do porto exterior de Punta Langosteira), por contar con excelentes comunicacións (entrada e saída directa desde a zona industrial á autoestrada AG-55) e pola completa cobertura en servizos (incluíndo rede de gas e telecomunicacións) que ofrece aos inversores.
Neste labor de atraer investimentos privados que reactiven a economía, o comercio e o desenvolvemento urbanístico municipal, o Concello da Laracha tamén oferta vantaxes fiscais nos impostos municipais. Ademais da bonificación do 95% no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) para as empresas que se instalen no ámbito do polígono industrial, tamén se aplican reducións de ata o 95% nos impostos sobre bens inmobles (IBI) e actividades económicas (IAE) para aquelas que xeren emprego.