• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

20 persoas serán formadas e mellorarán a súa empregabilidade no obradoiro que se presentou hoxe

10/12/2018

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V xa está en marcha. Hoxe celebrouse o acto de presentación deste novo programa impulsado por ambos municipios e cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia na procura de tres obxectivos fundamentais: mellorar a empregabilidade das vinte persoas participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal. 

Nesta ocasión o obradoiro terá unha duración de nove meses, nos que dez alumnos traballadores participarán na especialidade de pintura industrial en construción e outros dez farano no módulo de traballos de carpintería e moble. Todos eles terán a posibilidade de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos da súa especialidade, realizar actuacións en instalacións de ambos concellos para acadar experiencia, recibir o certificado de profesionalidade ao rematar con éxito o obradoiro e disfrutar dun posto de traballo remunerado neste tempo de aprendizaxe e formación.

O equipo directivo, docente e administrativo está formado por un grupo de seis persoas: directora, mestres de cada especialidade, de xestión empresarial e de ensino básico e un auxiliar administrativo.

Os alcaldes dos Concello da Laracha e de Arteixo -José Manuel López Varela e Carlos Calvelo-, as concelleiras de Promoción Económica –Rocío López e Patricia Amado- e o Director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, presidiron o acto de presentación deste obradoiro de emprego, aproveitando a ocasión para coñecer e saudar persoalmente aos alumnos-traballadores, ao equipo directivo e ao persoal docente.

Como anfitrión, José Manuel López Varela, abriu a quenda de intervencións dándolles os parabéns ás vinte e seis persoas que forman parte do proxecto. O rexedor larachés salientou as experiencias satisfactorias das anteriores iniciativas similares organizadas con Arteixo e animou aos alumnos a “aproveitar a oportunidade de formarse en especialidades con demanda de traballo no sector privado”. O rexedor tamén se referiu ao “paso importante” que se dá neste obradoiro, xa que incorpora como novidade incentivos económicos para a contratación dos alumnos-traballadores por parte das empresas unha vez remate o seu período formativo. Deste xeito favorecerase o propósito final, que é a integración dos participantes no mercado laboral no sector privado.

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, quixo salientar a “importancia da especialización nun mundo laboral dinámico e cambiante como o actual”. Por iso considera este obradoiro como “unha oportunidade importante” na que os alumnos deben “traballar intensamente para que sexa beneficiosa para o voso futuro e que ao remate poidades ter emprego”.

O Director xeral Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, afirmou que o proxecto promovido polos Concellos da Laracha e de Arteixo “é un dos mellores de toda Galicia e un dos que máis aposta pola inserción laboral ao incorporar tres meses de traballo efectivo en empresas cando rematen os nove meses formativos”. Animou aos participantes a “dar o mellor de vós como profesionais” para lograr varios propósitos diferentes pero complementarios: obter o certificado de profesionalidade, realizar traballos de interese xeral para a veciñanza en infraestruturas públicas e mellorar o currículo para poder aumentar as posibilidades de integración no mercado laboral.

Tal e como se fixo nos anteriores obradoiros de emprego organizados entre os Concellos da Laracha e de Arteixo, a parte teórica desenvolverase integramente no novo edificio administrativo larachés. Para a fase práctica empregaranse por primeira vez as instalacións do edificio de titularidade municipal recentemente creado no parque empresarial. Xa sobre o terreo, no Concello da Laracha as actuacións a realizar consistirán no pintado interior e exterior de edificios e instalacións de titularidade municipal. En Arteixo as obras centraranse no acondicionamento do espazo recreativo de sensibilización ambiental do entorno do Muíño da Cachada.

O orzamento total do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V supera os 463.000 euros, dos cales preto de 289.000 euros son achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.