• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello convoca as novas edicións dos concursos de panxoliñas, escaparates, postais e contos de Nadal

07/12/2018

O Concello da Laracha está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro, coincidindo coas vacacións nos centros de ensino. Como vén sendo habitual nos últimos anos, no marco deste programa haberá catro tradicionais concursos: os de contos e postais, o de panxoliñas e o de escaparates.

O concurso de escaparates alcanza a súa 23ª edición. O Concello convida a participar a todos os comercios do termo municipal da Laracha que dispoñan de escaparate exterior. Os locais que se inscriban –teñen de prazo ata o 18 de decembro- deben estar decorados con motivos propios desas datas desde o 18 de decembro ata o 6 de xaneiro. Repartiranse cinco premios -dotados cun total de 800 euros- entre os establecementos mellor puntuados polo xurado, que fará a valoración na tarde do 27 de decembro.

O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o domingo 30 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Poderán participar todas as asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio que o desexen. Están establecidas tres categorías de premios dotadas con 300, 250 e 200 euros respectivamente. Todos os participantes teñen garantido o premio da terceira categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que desenvolven as entidades participantes.

Por último, lembrar que os concursos de postais e de contos van dirixidos ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, así como da escola de educación infantil de Cumiáns, en Montemaior. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais participan alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade.

En ambos casos a valoración realizarase o venres 14 de decembro a partir das 11:00 horas na biblioteca municipal da Laracha, estando composto o xurado por membros da concellería de Cultura da Laracha, un técnico dos servizos sociais municipais e un representante de cada colexio. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o venres 21 de decembro nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha a partir das 18:00 horas.

 

DESCARGAS

Bases do concurso de escaparates

Bases do concurso de panxoliñas