O CONCELLO ABRE AO PÚBLICO A NOVA PRAZA DO IGREXARIO DE SOUTULLO
05/01/2016
A nova praza pública que o Concello da Laracha creou no Igrexario da parroquia de Soutullo xa está aberta ao público despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de obras, Jesús Souto, comprobasen persoalmente que as actuacións previstas xa están practicamente rematadas. A empresa contratista, Construcciones Liscarmón S.L -con sede na parroquia de Golmar, moi próxima ao lugar no que se acometeron as obras-, realizará nos próximos días a instalación dos báculos da iluminación pública, servizo que non estaba contemplado inicialmente no proxecto inicial, pero que o Concello decidiu incluílo para completar a actuación.
A nova praza de Soutullo ten unha superficie duns 850 metros cadrados e todas as características para ser un espazo polivalente, susceptible de empregarse para diferentes usos: área de descanso, zona de celebración de eventos sociais da parroquia e lugar de estacionamento de vehículos.
Cos obxectivos de integrar a infraestrutura pública no entorno, pero ao mesmo tempo facilitar tanto o tránsito a pé como a circulación dos automóbiles, a praza conta cun pavimento de formigón e celosía de céspede que permite o crecemento da vexetación. Tamén hai áreas axardinadas que contan con diversidade de árbores autóctonas. Ademais, realizouse un muro de pedra como peche perimetral da praza, o que permite reforzar a seguridade ao separala da calzada.
O feito da proximidade coa Igrexa de Santa María implicou un coidado especial do impacto visual da actuación. A pesar de que a nova praza se sitúa nunha plataforma superior ao templo, non se perdeu a escala do espazo e ningún elemento sobresae en altura. Ademais a plantación de árbores servirá para tapar a fachada posterior do cemiterio, embelecendo deste xeito a zona.
O Concello da Laracha investiu máis de 80.000 euros nesta actuación.