• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta executará en 2019 a segunda fase do novo edificio de infantil do CEIP Otero Pedrayo da Laracha

29/11/2018

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional executará no próximo ano a segunda fase do novo edificio de infantil do CEIP Ramón Otero Pedrayo, o colexio de maior entidade do municipio.

Na xuntanza que mantiveron esta mañá en Santiago de Compostela, o Secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e a Subdirectora de construcións e equipamentos, María Jesús López, comunicaron hoxe ao alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e á edil de Educación, Patricia Bello, que a Xunta de Galicia levará a cabo esta actuación en 2019.

Os responsables da Consellería tamén lles adiantaron aos membros do goberno local que o proxecto básico da obra xa está redactado. A previsión é ter concluído o proxecto de execución no primeiro trimestre do ano e, a continuación, sacalo a licitación. 

Na actualidade o alumnado de 5º e 6º de infantil do CEIP Otero Pedrayo realiza a súa actividade nas aulas do edificio novo que se construíra na primeira fase. Unha vez remate a obra que se anuncia hoxe, tamén haberá aulas habilitadas para os de 4º, polo que o edificio albergará ao completo a actividade dos tres cursos de infantil. 

Paralelamente, neste Nadal, aproveitando as vacacións no colexio, o edificio número 1 –empregado actualmente polo alumnado de 4º de infantil- será obxecto dunha intervención por parte do Concello para mellorar o seu solo e repintar todas as aulas.

Coa execución da segunda fase do novo edificio de infantil completarase a cobertura integral das infraestruturas do CEIP Otero Pedrayo.