• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia o procedemento de contratación do proxecto do centro comunitario de Caión

24/11/2018

O Concello da Laracha iniciou o procedemento de contratación do futuro centro comunitario de Caión, un ambicioso proxecto a través do cal será creada unha nova infraestrutura pública que será a instalación de referencia social, cultural e turística na vila costeira.

Concorren ao procedemento un total de oito empresas que aspiran a resultar adxudicatarias. A Mesa de Contratación procedeu este venres á apertura das plicas nas que os licitadores expoñen a memoria descritiva do proceso de execución e o programa de construción das obras. Nos próximos días volverase reunir a Mesa de Contratación, neste caso para a apertura dos sobres coa oferta económica, a redución do prazo de execución e o aumento do prazo de garantía. Unha vez clasificadas as oito propostas en base aos criterios avaliables anteriormente indicados, estarase en disposición de adxudicar o proxecto á empresa que presentou a oferta máis favorable para o Concello.

O centro comunitario de Caión levantarase no Campo da Insua, na parcela dotacional de titularidade municipal existente nese lugar. Este novo edificio acollerá a Oficina de Información Turística e as instalacións da Confraría de Pescadores de Caión, ademais de contar con exposicións permanentes, locais, aulas multiusos e salón de actos. Por tanto, trátase dunha infraestrutura necesaria na localidade para poñer en valor a historia da vila relacionada co mar, potenciar o turismo e acoller o desenvolvemento de iniciativas, reunións e eventos de interese comunitario.

O orzamento máximo de licitación ascende a 1.190.920,37 euros. Para o seu financiamento o Concello da Laracha contará coa colaboración económica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Mellora de estradas en Erboedo, Torás, Lemaio e Vilaño.

Por outra banda, na reunión da Mesa de Contratación tamén se procedeu á apertura dos sobres coas quince ofertas económicas presentadas polas empresas que aspiran á adxudicación do contrato de mellora da rede viaria nas parroquias de Erboedo, Torás, Lemaio e Vilaño.

Están proxectadas actuacións nas estradas A Fraga-Vista Alegre (Erboedo), O Ramo-O Igrexario (Lemaio), Estramil-DP 1913 (Torás) e vías en A Fonte da Canle, Marfulo e Quintáns (Vilaño).

O proxecto está valorado en máis de 154.000 euros.