• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O acondicionamento da planta baixo cuberta completa a renovación do edificio administrativo da Laracha

16/11/2018

O edificio de usos administrativos da Laracha está a ser obxecto dunha serie de intervencións desenvolvidas polo Concello co obxectivo de mellorar os seus equipamentos e adecuar esta infraestrutura de titularidade municipal para que as súas diferentes dependencias estean preparadas para acoller diversidade de iniciativas de interese para a cidadanía.

Xa desde hai varios anos na planta baixa deste edificio sitúanse as dependencias da Policía Local e o Centro de Información ás Mulleres, ademais de salas multiusos. O primeiro andar alberga os despachos dos empregados municipais adscritos aos departamentos de Servizos Sociais, Emprego e Turismo. E na planta soto existe un aparcamento de vehículos municipais e tamén os arquivos, que recentemente foron dotados con novo equipamento.

Nos últimos meses o Concello da Laracha decidiu realizar as divisións interiores do segundo e do terceiro andar e dotalos co correspondente mobiliario (armarios, estanterías, mesas, cadeiras, etc.). Deste xeito, onde anteriormente existían dous espazos diáfanos, agora foron creadas catro salas independentes que poden empregarse de xeito simultáneo e perfectamente equipadas para acoller, entre outras iniciativas, accións formativas, reunións, charlas, coloquios ou reunións. Precisamente unha desas estancias é a nova sala de informática, dotada con dezasete equipos.

Para completar as intervencións nas plantas superiores do inmoble, o Concello da Laracha está a desenvolver agora unha actuación no baixo cuberta que inclúe a colocación dun revestimento no teito para mellorar as condicións térmicas e sonoras, a renovación da iluminación, o repintado de toda a estancia e a mellora tanto do vestíbulo da entrada como do canón das escaleiras. A continuación será equipada co correspondente mobiliario.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López, supervisaron persoalmente as actuacións que se están a levar a cabo na planta baixo cuberta do edificio de usos administrativos da Laracha. As obras son financiadas con fondos municipais.