• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Rematan as obras da completa mellora da rúa Eusebio Bértoa Queijo

15/11/2018

O alcalde, José Manuel López Varela, e concelleiro delegado das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto,  comprobaron in situ as últimas actuacións do proxecto que supuxo a completa transformación da rúa Eusebio Bértoa Queijo, situada na capital municipal.

O Concello da Laracha inviste con fondos propios municipais máis de 130.000 euros para mellorar integralmente este vía, onde foi creada unha nova beirarrúa que comunica, en condicións de seguridade e accesibilidade universal, a rúa Epifanio Campo Núñez coa senda peonil e ciclista que a Xunta de Galicia creou recentemente na AC-552 entre A Laracha e O Cancelo (parroquia de Cabovilaño). Polo tanto, tamén foron melloradas as comunicacións a pé cara instalacións como o centro médico e punto de atención continuada da Laracha, o centro de día e residencia da terceira idade, o cuartel da Garda Civil e o CEIP Ramón Otero Pedrayo.

Esta nova beirarrúa en Eusebio Bértoa Queijo ten unha distancia de 250 metros e unha anchura media superior aos dous metros. O proxecto incluíu as canalizacións para a condución das augas pluviais, as redes de iluminación pública e as telecomunicacións, así como a reserva de espazos en superficie para a instalación de elementos de sinalización e alumeado.

Ademais, tamén se mellorou a superficie de rodadura dos vehículos cunha ampliación da plataforma da calzada e a creación nunha das marxes –xunto á beirarrúa- de novas prazas de estacionamento público e gratuíto de vehículos. O proxecto complétase coa correspondente sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria.

Esta actuación volve a evidenciar a aposta decidida do executivo local pola humanización das rúas no casco urbano da capital municipal, xa que dá continuidade a outros proxectos recentemente executados que permitiron renovar por completo tanto a propia rúa Epifanio Campo Núñez como todo o seu entorno, priorizando o tránsito peonil nesta zona que é unha das áreas residenciais máis importantes do municipio.