Concello
16 empresas concorren ao procedemento de contratación do proxecto de mellora de estradas en Lestón, Torás e Golmar
18/06/2018
A Mesa de Contratación do Concello da Laracha procedeu hoxe á apertura das plicas e a clasificación das propostas presentadas no procedemento de contratación das obras de mellora de estradas municipais na parroquia de Lestón, Torás e Golmar.
Son dezaseis as empresas que optan á adxudicación desta actuación, que está valorada en preto de 100.000 euros e será cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, ao abeiro do plan de mellora de camiños rurais.
Están previstos tres puntos de intervención diferenciados, dous deles na parroquia de Golmar. En Fragoso mellorarase a superficie de rodadura nun camiño que enlaza este núcleo de poboación coa estrada provincial CP-2404. Tamén en Golmar será asfaltado un camiño no lugar de San Cristovo que enlaza coa pista de As Talladas.
A outra intervención afecta ás parroquias de Torás e de Lestón. Renovarase o pavimento desde Mirón ata o núcleo de Lestón, nunha distancia de un quilómetro e medio, incluíndo o ramal de acceso á zona da igrexa de San Martiño. Por tanto, esta actuación, ademais de beneficiar aos veciños residentes nos citados núcleos, tamén favorecerá a circulación nesta vía de comunicacións alternativa entre Paiosaco e a zona do cemiterio novo e do Campo Municipal da Laracha, así como cos lugares da Barreira e Estramil.
Nos próximos días o Concello da Laracha adxudicará o contrato para que os traballos previstos poidan iniciarse á maior brevidade posible.