• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno mostra o seu apoio unánime aos traballadores de Alcoa cunha declaración institucional

09/11/2018

No Pleno ordinario celebrado hoxe no Concello da Laracha os catro grupos políticos mostraron o seu apoio unánime ás demandas do Comité de Empresa de Alcoa na defensa do mantemento da actividade e dos postos de traballo das plantas da Coruña e de Avilés. Segundo a declaración institucional lida polo alcalde, José Manuel López Varela, o Concello da Laracha súmase ao acordo do Parlamento de Galicia no que se insta á compañía a retirar o expediente de extinción de emprego e tamén apremia ao Goberno central a simplificar o modelo enerxético, presentar un marco tarifario estable para o ano 2019 e explorar vías que faciliten os investimentos e a modernización das tecnoloxías das fábricas para facelas máis competitivas.

Por outra banda, aprobouse tamén por unamidade fixar como festivos locais do ano 2019 o Martes de Entroido (5 de marzo) e o venres día 16 de agosto, coincidindo coas festas patronais da Laracha. O 8 de setembro, día da Romaría dos Milagres de Caión e festivo habitual no Concello da Laracha, coincidirá en domingo no próximo ano.

Por último, acordouse co respaldo de todos os grupos do Pleno modificar as bases de execución do orzamento para reaxustar o concepto da subvención municipal nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha. Dita axuda económica fora concedida para gastos de manutención e desprazamento. Co cambio no texto, a achega municipal será para gastos de funcionamento da agrupación, incluíndo por tanto cuestións non contempladas inicialmente como adquisición de material, equipamento, vestimenta, mantemento da base, aplicacións informáticas e de comunicación, combustible ou calquera outro gasto ocasionado polas súas intervencións. Ademais, amplíase o prazo de xustificación da subvención ata o 28 de decembro xa que o acordo plenario de hoxe deberá estar quince días hábiles en exposición pública antes de ser aprobado con carácter definitivo.