• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O PLENO APROBA OS “HISTÓRICOS” ORZAMENTOS DE 2016, QUE ALCANZAN OS 7.901.340,75 EUROS DE INGRESOS

05/01/2016

O Pleno da Corporación municipal da Laracha, reunido o 30 de decembro en sesión extraordinaria, acordou aprobar os orzamentos xerais municipais para o exercicio económico 2016, así como o límite de gasto non financeiro e o cadro de persoal.   

Trátase dos orzamentos máis altos da historia do Concello da Laracha, polo que mereceron o cualificativo de “históricos” por parte do alcalde, José Manuel López Varela. A previsión de ingresos sitúase en 7.901.340,75 euros (un 12% máis con respecto ao curso anterior) e está establecido un superávit inicial duns 181.000 euros debido ao límite do incremento do gasto con respecto ao ano anterior que esixe a Lei de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira. Por tanto, os gastos sitúanse nos 7.720.424,67 euros.   

O rexedor municipal -que iniciou a súa intervención agradecendo e felicitando a labor dos funcionarios e persoal laboral que redactaron os orzamentos, en especial ao secretario e á tesoureira da Corporación- explicou que o incremento na previsión de ingresos vén motivado principalmente pola maior participación en transferencias doutras administracións e polas novas altas no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e a última revisión catastral que tamén afecta a ese tributo. Non obstante, López Varela lembrou que un ano máis están “conxelados todos os impostos e taxas municipais, manténdose nos tipos mínimos fixados por lei”.   

A continuación, o alcalde fixo unha valoración detallada das contas por capítulos. No relativo a gastos de persoal (capítulo 1), ao que se destinan 1.774.000 euros, apuntou que serán contratados dous auxiliares administrativos por un período de dous anos e tres auxiliares de Policía Local durante seis meses. “É o máximo que nos permite a normativa, aínda que na ratio de funcionarios por habitante estamos nos niveis máis baixos de Galicia”.   

O apartado de bens correntes e servizos (3.768.291,43 euros) inclúe “actuacións que na práctica son investimentos reais, todos os servizos que temos externalizados e proxectos que en anteriores orzamentos foron investimentos e que agora pasan a supor gastos de mantemento”. López Varela anunciou que en 2016 está previsto sacar os novos concursos públicos para a prestación dos servizos de todo o ciclo da auga (abastecemento, saneamento e depuración), iluminación pública e recollida de residuos sólidos urbanos.   O capítulo 3 refírese aos gastos financeiros, e non conta con cantidade algunha consignada ao estar o Concello nunha situación de débeda cero. “Cando se fala dos orzamentos a maioría dos discursos céntranse en como reducir a débeda, e aquí non temos”, concluíu o alcalde, que tamén lembrou que as facturas a provedores se están a pagar sempre “lonxe do limite temporal legalmente establecido”.   

Nas transferencias correntes (capítulo 4) están consignados 356.900 euros, incluíndose neste apartado as bolsas de estudos municipais (que se manteñen en 55.000 euros), o apoio ao asociacionismo (entidades culturais e educativas, clubs deportivos, deportistas individuais e comisións de festas) e tamén o fondo de emerxencia social, que se incrementa nun 25%. José Manuel López Varela foi tallante asegurando que dito fondo será aumentando ao longo do exercicio se é preciso para que “non quede sen atender ningunha familia que teña problemas para pagar a factura eléctrica, aluguer do piso ou calquera outra necesidade e que conte cos correspondentes informes dos servizos sociais municipais”. Tamén lembrou que se manteñen as colaboracións económicas coa Confraría de Pescadores de Caión (mantemento do museo do Arquivo da Pesca), Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Asociación de Comercio (ACSIL), Fundación Amigos de Galicia e co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, incluíndo por primeiro ano unha achega á Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.   

En canto ao capítulo sexto, relativo aos investimentos reais, a magnitude prevista sitúase en 1.821.227,49 euros, o que supón preto do 24% por cento do gasto total. Ademais do desenvolvemento de actuacións de mellora da rede viaria municipal porque “todos os veciños dos 311 once núcleos de poboación, incluso os que viven máis lonxe da praza do Concello, merecen ter boas comunicacións por estradas”, contémplanse neste capítulo as dotacións económicas para as remodelacións das prazas do Concello e Eduardo Vila Fano de Caión, as parcelas que albergan o Castro de Montesclaros e o menhir de Erboedo, melloras nas instalacións deportivas e culturais e, sobre todo, a  adquisición dos terreos afectados polo Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís. O alcalde referiuse a este último investimento (que alcanza os 340.000 euros) como “o paso máis importante para mellorar os centros educativos” e que tamén permitirá a apertura de novos viais e a creación de instalacións deportivas descubertas e de uso libre no casco urbano da Laracha”.   

Tamén se referiu o rexedor local aos servizos sociais, aos que se destinarán 816.000 euros o próximo ano, como “un piar importantísimo os presupostos”, felicitándose da cobertura “tanto en programas como en instalacións públicas”.   

José Manuel López Varela concluíu a súa intervención afirmando que “debemos sentirnos orgullosos destes orzamentos e moi contentos da situación económica do Concello da Laracha”.   

Os presupostos, límite de gasto non financeiro e cadro de persoal para o exercicio 2016 foron aprobados cos votos favorables do grupo do Partido Popular (PP) e en contra dos grupos mixto (Terra Galega), socialista (PSOE) e nacionalista (BNG).

Compartir: