Concello
O Concello da Laracha e a Xunta de Galicia cofinanciarán a construción do viveiro de empresas municipal
10/11/2018
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, anunciou no Pleno extraordinario celebrado onte venres a inminente licitación do proxecto de construción do viveiro de empresas municipal.
O rexedor informou á Corporación sobre a concesión dunha subvención por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia que ascende a 240.000 euros para o cofinanciamento do proxecto, cuxo orzamento ascende a 395.000 euros.
O novo edificio será construído nun punto privilexiado como é na marxe esquerda do acceso principal ao parque empresarial, nunha parcela de titularidade municipal ben comunicada e que está cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal para albergar equipamentos. As súa superficie construída será de 613,55 metros cadrados, nos que serán habilitados catro despachos e catro naves, ademais de servizos xerais como un vestíbulo recepción, aseos, vestiarios, sala de reunións, aula polivalente e dous patios interiores abertos. O inmoble estará estruturado en dúas zonas e cada unha delas poderá empregarse de xeito independente.
O viveiro de empresas do Concello da Laracha conformará un espazo físico construído para favorecer o nacemento de novas sociedades de carácter industrial, ofrecéndolles aos emprendedores as condicións e servizos precisos, por un tempo limitado, para a implantación inicial e a consolidación. Deste xeito o Concello apoiará as iniciativas empresariais que contribúan á dinamización industrial, á promoción económica e á creación de emprego no municipio.
López Varela lembrou tamén que o edificio municipal xa rematado no polígono industrial e que ía destinarse precisamente a viveiro de empresas será convertido nun centro municipal de emerxencias, formando a base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e das brigadas de incendios. No inmoble tamén hai salas de formación e unha nave reservada para os diferentes programas de emprego que se desenvolvan desde o Concello. Precisamente o módulo de carpintería do novo obradoiro de emprego que comezará en breve realizará neste lugar a formación práctica.