Concello
O Concello realizará unha consulta popular para renomear ou bautizar por primeira 36 rúas e unha praza pública
27/10/2018
O Concello da Laracha renomeará ou bautizará por primeira vez un total de corenta e catro rúas, travesías e prazas públicas dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión. Esta ampla renovación dos rueiros das tres vilas está orixinada por diversos motivos, xa que certas vías carecen de nome, outras poden levar a confusión ao coincidir co topónimo de lugares ou parroquias do termo municipal, noutras darase ás agora coñecidas como travesías a condicion de rúa e nun caso o cambio faise para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica.
O executivo local da Laracha propuxo á Corporación municipal a realización dunha consulta popular para que a veciñanza do Concello fose partícipe na toma de decisións nesta cuestión xa que, polas súas características, afectará tanto á imaxe exterior das nosas rúas como, tamén, aos enderezos das vivendas, edificios, baixos, establecementos comerciais e calquera inmoble que se atope nalgunha das vías afectadas.
Por ese motivo nas últimas semanas celebráronse reunións da Xunta de Portavoces ás que foron citados representantes dos catro grupos políticos con representación no Pleno. Neses encontros quedou definido tanto o tipo do consulta popular que se levará a cabo como as rúas e prazas afectadas e as diferentes opcións para que a poboación poida votar. As propostas de nomes fixéronse libremente por parte de todos os grupos atendendo a criterios como denominacións tradicionais de lugares –especialmente na vila de Caión-, homenaxear a destacadas figuras da cultura, artes escénicas e da política e tamén empregar topónimos doutros municipios da comarca de Bergantiños.
Tal e como foi acordado pola Xunta de Portavoces, haberá tres seccións na consulta popular. A primeira delas incluirá doce rúas nas que hai dous nomes propostos para cada unha e na que os veciños poderán escoller o seu favorito.
Na segunda sección haberá vinte e catro rúas e unha praza cun único nome proposto e a consulta será de aceptación (Si) ou rexeitamento (Non) do mesmo. Ademais, na terceira sección ofrecerase a posibilidade de votar o cambio de nome ou non (mantelo como está) da rúa San Martiño de Paiosaco.
Os portavoces tamén acordaron por unanimidade que outros seis nomes que se incorporan ao rueiro non serán obxecto da consulta popular pola súa ubicación e especiais características. É o caso do paseo marítimo de Caión e a praza da Ribeira de Caión e, na Laracha, das prazas do Concello, O Recreo, Praza da Cultura (xunto á Casa da Cultura) e Praza Olonne sur Mer (aparcamento fronte á biblioteca e o IES Agra de Leborís).
Nos próximos días o cuestionario coa consulta popular será publicado na páxina web e nas redes sociais oficiais do Concello da Laracha. O prazo de votación será en torno aos quince días e convidarase a participar a todos os veciños que sexan maiores de dezaoito anos de idade. A previsión é elevar ao Pleno ordinario do mes de novembro (que se celebrará o xoves día 29) os cambios nos rueiros en base aos resultados desta consulta popular.