• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A obra de renovación dos pasos de peóns das Avenidas Fisterra e Bergantiños entra na súa fase final

23/10/2018

Avanzan a bo ritmo de execución as obras do proxecto de renovación e mellora da seguridade viaria nos doce pasos de peóns existentes nas Avenidas Fisterra (A Laracha) e Bergantiños (Paiosaco). 

Tres son as áreas de actuación das que consta esta obra que afecta aos tramos da estrada AC-552 ao seu paso polos núcleos urbanos da Laracha e de Paiosaco. Por unha parte,xa foron adaptados os vaos dos pasos para peóns rebaixando os bordillos e colocando un pavimento indicador direccional. 

A fase actual céntrase na instalación dos novos sistemas de reforzamento lumínico cun alumeado público adicional e específico para cada paso de cebra, aumentando deste xeito a visibilidade nas zonas nas que as persoas teñen prioridade de cruce sobre os vehículos. Precisamente hoxe os operarios están a rematar a instalación dos vinte e catro postes (dous en cada punto de actuación) sobre os que se colocarán as luminarias. Ao mesmo tempo estanse a repintar todos os pasos de peóns para facelos máis visibles.

A fase final das obras consistirá na mellora da sinalización vertical coa colocación de sinais de pasos de peóns con luces intermitentes para unha maior seguridade viaria. Se as condicións climatolóxicas así o permiten, a execución do proxecto rematará a principios do mes de novembro.

O obxectivo deste proxecto é xerar nesta estrada, vertebradora das comunicacións en ambas vilas, itinerarios peonís máis seguros para todos os viandantes -en especial para as persoas con diversidade funcional e as que requiren necesidades especiais- debido á supresión de barreiras arquitectónicas, polo que o proxecto tamén presenta un carácter social.

Cartel obra pasos para peóns

 

Esta actuación está valorada en preto de 85.000 euros, dos cales o setenta por cento (en torno a 59.000 euros) son achegados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas destinadas á mellora da accesibilidade en espazos públicos, á súa vez cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020. A cantidade restante é financiada polo Concello da Laracha con fondos municipais.