Concello
Asinado o convenio entre o Concello e o C.B. Laracha para xestionar as Escolas Municipais de Baloncesto
17/10/2018
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e Eliseo Velo secretario do Club Baloncesto Laracha, asinaron hoxe –nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Deportes, Patricia Bello- o convenio de colaboración a través do que o club asumirá a xestión das Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto durante a temporada 2018-2019. Ambas entidades tamén manterán unha estreita cooperación na planificación, organización e realización das actuacións necesarias para o fomento desta disciplina deportiva nas categorías de base.
O acordo rubricado establece que o Concello da Laracha subvencionará o cincuenta por cento do custe da actividade de cada participante. Por tanto, da cota de trinta euros mensuais fixada polo club, os rapaces soamente deberán aboar quince euros.
As Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto contan actualmente con cinco seccións nas que destaca a alta participación feminina. Na categoría infantil hai equipos feminino (11 xogadoras) e masculino (10 xogadores). O resto de categorías son mixtas, con 13 participantes en alevíns (7 nenas e 6 nenos), 27 en benxamín (16 nenas e 11 nenos) e 23 en pequebasket (7 nenas e 16 nenos). Por tanto, en total hai inscritos 84 xogadores, sendo 43 rapaces e 41 rapazas.
O goberno local da Laracha volve mostrar a súa aposta decidida por promocionar os estilos de vida saudables e educar aos nenos nos eidos do esforzo, o sacrificio e a colaboración a través do baloncesto, como tamén se fai con outras disciplinas deportivas apoiando durante todo o ano aos diferentes clubs, organizando actividades propias e poñendo en marcha escolas municipais.
O convenio asinado hoxe tamén inclúe a organización por parte do C.B. Laracha do torneo José Antonio Vega, un referente para o baloncesto de base da provincia durante o Nadal que neste ano alcanzará a súa oitava edición.