• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha os novos programas de voluntariado xuvenil que se realizarán no Concello este verán

23/07/2018

No Concello da Laracha xa están en marcha os novos programas de voluntariado xuvenil nos que participan mozos de entre 16 e 30 anos de idade no noso municipio e que están relacionados co apoio organizativo no desenvolvemento de actividades de tipo cultural, social, educativo e deportivo.

Os programas son promovidos polo propio Concello da Laracha e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha. Póñense en marcha en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Así, por un lado o Concello da Laracha forma parte dun programa para que oito mozos voluntarios participen como persoal de apoio aos técnicos especializados na aula lúdica e nas actividades culturais e deportivas incluídas os programas municipais.

Por outra banda, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil tamén se acolleu a esta liña de axudas da Xunta de Galicia co propósito de que outros oito mozos voluntarios presten servizo á cidadanía a través de Protección Civil en eventos multitudinarios como a feira de Paiosaco, as festas do verán e, entre outros, nas xornadas de maior afluencia á praia de Caión.

En ambos casos os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a súa participación contarán cun certificado que acredite a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas de actividade, tamén percibirán unha compensación económica diaria que cubrirá os gastos de manutención e transporte.