• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e a Xunta subvencionaron 95.186 viaxes no último ano no marco do Plan de Transporte Metropolitano

16/10/2018

A Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, vén de notificar ao Concello da Laracha os datos oficiais da anualidade 2017 do Plan de Transporte Metropolitano. No documento se detallan a totalidade das viaxes subvencionadas aos usuarios do termo municipal da Laracha, así como a achega económica exacta que lle corresponde asumir a cada administración no marco do convenio que rexe o desenvolvemento deste programa.

Como dato máis salientable do informe están as 95.186 viaxes en autobús con saída ou destino no termo municipal da Laracha que foron realizadas no ano pasado facendo uso da tarxeta do Plan de Transporte Metropolitano e que, por tanto, foron subvencionadas polo Concello da Laracha e a Xunta de Galicia.

Practicamente dous terzos desas viaxes (en concreto, 60.007) foron no traxecto entre calquera das paradas de autobús do Concello da Laracha e a cidade da Coruña ou viceversa. Arteixo (13.912) e Carballo (10.432) son os outros dous municipios con maior número de viaxes bonificadas. Tamén salientable é o número de traxectos subvencionados entre dúas paradas do termo municipal da Laracha (9.956). En menor medida, pero tamén se realizaron viaxes a outros municipios que forman parte do Plan, como son Culleredo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Miño, Oleiros, Ordes e Sada.

Tendo en conta estes datos reais subministrados polo SITME (Sistema de Transporte Metropolitano), a cantidade económica definitiva a aportar polo Concello da Laracha ascende a 14.123,37 euros, unha cifra practicamente idéntica ás estimacións iniciais realizadas atendendo ás estatísticas de uso do servizo durante os anos anteriores.

As persoas empadroadas no Concello da Laracha que desexen beneficiarse do Plan de Transporte Metropolitano deben solicitar as súas tarxetas nas oficinas de Abanca da Laracha e de Paiosaco. Estas tarxetas non son nominativas e o saldo non ten caducidade. As vantaxes do programa consisten nunha redución nunha media do corenta por cento (depende do número do saltos) no prezo dos billetes das viaxes en autobús dentro do municipio ou con destino a outros concellos integrados na área da Coruña do Plan de Transporte Metropolitano. Ademais, poden realizarse transbordos gratuítos durante os noventa minutos seguintes ao inicio da viaxe, incluídos os buses urbanos da cidade da Coruña. Os usuarios que realicen máis de corenta viaxes nun mes obterán, ademais, un desconto adicional do quince por cento.

Ademais, os mozos de entre 4 e 18 anos de idade (os menores de catro xa viaxan gratis) poden solicitar –tamén nas oficinas de Abanca- a tarxeta Xente Nova de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar sesenta viaxes interurbanas gratuítas cada mes entre os municipios adheridos ao programa.

Desde o Concello da Laracha animamos a todos os nosos veciños a beneficiarse das vantaxes que ofrece o Plan de Transporte Metropolitano, programa a través do que a Xunta de Galicia e o Concello da Laracha están a mellorar a competitividade do transporte público e favorecendo a mobilidade sostible.