• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello instala mesas interpretativas para invidentes en cinco puntos turísticos do municipio

16/10/2018

O Concello da Laracha está a desenvolver un proxecto dirixido a facilitar o acceso á información turística municipal ás persoas con diversidade funcional. Faise coa colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia ao abeiro do programa de axudas ás entidades locais deste ano 2018 para a realización de melloras nas infraestruturas turísticas.

O proxecto deseñado polo Concello da Laracha ten dúas liñas de actuación. Unha delas consiste na colocación de mesas interpretativas (paneis inclinados) e sinalización turística accesible en cinco puntos do municipio que son referencia turística como o paseo marítimo de Caión, o campo da feira de Paiosaco, a Praza do Concello da Laracha, a área recreativa de Gabenlle e o entorno do mosteiro de San Pedro de Soandres. Deste xeito ofrecerase un novo servizo con contidos, material e deseño adaptados especificamente para persoas invidentes. Estas mesas interpretativas, ademais de conter información turística en braille, presentan un plano da zona na que están situados destacando en releve as principais edificacións e infraestruturas para permitir que os usuarios, a través do tacto das mesmas, poidan facerse unha composición do lugar no que se atopan.

Ademais, a toda a sinalización turística existente na actualidade serán incorporados códigos QR para ampliar a información ofrecida por medio do emprego dos smartphones. 

A outra liña de actuación consiste na actualización da páxina web de turismo municipal (www.alarachaturismo.gal) para facela máis accesible adaptándoa ás necesidades dos usuarios que presenten algún tipo de discapacidade sensorial. Entre as melloras que están a ser incorporadas cabe salientar a implantación de ferramentas que locuten o contido da web, facilitar que os internautas poidan ampliar o tamaño da fonte das letras e, entre outras, establecer unha versión do portal con cores de alto contraste.

O Concello da Laracha e a Axencia de Turismo de Galicia invisten en total 15.000 euros neste proxecto co que se afonda na innovación das canles de comunicación ao turista empregando a tecnoloxía e a conectividade para ofrecer proximidade e axilidade na resposta, especialmente ás persoas con diversidade funcional. A accesibilidade nestes servizos contribuirá á mellora da calidade dos produtos turísticos, ademais de aumentar a competitividade do destino, polo que a actuación forma parte das estratexias municipais para un turismo sustentable e responsable.