Concello
19 mozos participan nas accións formativas que desenvolve a Cámara de Comercio no Concello da Laracha
15/10/2018
Coa colaboración do Concello da Laracha, a Cámara Oficial de Comercio, Servicios, Industria y Navegación de A Coruña, comezou a impartir no noso municipio unha serie de accións formativas dirixidas a mozos menores de 30 anos de idade que se atopan en situación de desemprego e están inscritos no Ficheiro Nacional de Garantía Xuvenil. A finalidade esencial é ampliar os coñecementos e capacidades profesionais dos alumnos para mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles novas posibilidades de integración no mercado laboral.
A primeira das iniciativas xa está en marcha desde o pasado 10 de outubro e rematará o día 31 deste mes despois de 65 horas lectivas. Trátase dun programa de formación troncal práctica dirixido a preparar aos alumnos para a busca activa dun posto de traballo. Os 19 rapaces participantes están a ser formados en habilidades e capacidades persoais e sociais que lles facilitarán o achegamento ás empresas e a realización das entrevistas de traballo.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a edil de Promoción Económica e Emprego, Rocío López, mantiveron un encontro cos rapaces esta mañá no lugar no que se está a impartir o curso –edificio administrativo da Laracha- para darlles a benvida e animalos a aproveitar a posibilidade de formarse na procura da súa posterior integración no mercado laboral, xa sexa como empregados ou como emprendedores.
Unha vez rematado este programa, os participantes serán divididos en dous grupos para a realización da formación específica a partir do mes de novembro. Neste caso haberá dúas posibilidades: o módulo de persoal de tenda e o módulo de hostalería e turismo. Ambas terán unha duración de 120 horas.
En todos os casos, os alumnos que asistan ás sesións formativas e superen as correspondentes probas, recibirán o seu diploma acreditativo.
A cooperación entre o Concello da Laracha e a Cámara Oficial de Comercio, Servicios, Industria y Navegación de A Coruña permite realizar estas iniciativas de interese para a veciñanza da Laracha e tamén doutras localidades próximas, xa que participan mozos procedentes de tres municipios.