Concello
A mesa educativa e sanitaria sobre violencia de xénero consensúa o programa a realizar nos centros de ensino
08/10/2018
A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse no Concello da Laracha nunha xuntanza copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, e na que estiveron presentes a concelleira de Muller, Rocío López, un axente do posto da Garda Civil da Laracha, o médico-coordinador e a pediatra do centro de saúde, o director do CEIP de Caión e as directoras e orientadoras dos colexios da Laracha (CEIP Otero Pedrayo) e Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e do IES Agra de Leborís.
O asunto principal da reunión foi consensuar os diferentes programas de prevención que sobre esta materia se desenvolverán durante o curso escolar 2018-2019 nos centros de ensino baixo a coordinación do CIM.
Así, nos CEIPs da Laracha, Paiosaco e Caión todo o alumnado de 5º e 6º de primaria participará en obradoiros nos que se fomentará a reflexión e a autonomía para a toma de decisións, aportaranse ferramentas sociais para diferenciar entre os bos e os malos tratos e trataranse cuestións como a identidade e a orientación sexual, a diversidade, a autoestima e a comunicación.
Ademais, ese mesmo grupo de alumnos participará na cuarta edición da Festa da Igualdade que se vai celebrar o 23 de novembro no pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha e que será un evento destacado no programa municipal en torno ao Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres (que se celebra o día 25 dese mes). Nesta ocasión a xornada de convivencia incorporará como novidade a carreira entre os alumnos titulada Que non te pille o machismo. Ademais de varias actividades e xogos cooperativos, tamén se realizará a segunda edición do concurso fotográfico A Laracha enfoca a igualdade, no que o alumnado de 5º e 6º de primaria está convidado a participar presentado unha imaxe propia que estea relacionada con esa temática. Haberá premios para as instantáneas mellor valoradas polo xurado, que estará formado polas direccións dos centros e o CIM da Laracha.
En canto ao instituto, o programa de obradoiros a realizar irá dirixido aos catro cursos de secundaria e xirará en torno ao acoso, ao correcto emprego das redes sociais, ás relacións de parella, á diversidade sexual e á educación afectivo sexual.
Por outra banda, na xuntanza reforzáronse os mecanismos de coordinación entre os profesionais representados nesta mesa no caso de detectarse situacións relacionadas coa violencia de xénero, concluíndo que a evolución dos mesmos está a ser moi positiva grazas a implicación de todos os membros. Neste sentido, e dado que nesta semana se producirán cambios importantes no cadro de persoal do centro médico da Laracha, anunciouse que nos próximos días a directora do CIM manterá unha reunión cos novos facultativos para explicarlles polo miúdo a actividade desta mesa de traballo e os servizos que teñen na Laracha á súa disposición na loita contra a violencia de xénero. Por este mesmo motivo hoxe despediuse como membro da mesa a Aquilino Agromayor, ata agora coordinador do centro médico da Laracha, incorporando á mesma á pediatra Ana Lamas.
Por último, anunciouse tamén a incorporación á mesa do xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Carballo, competente en materia de violencia sobre a muller.
A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reúnese con carácter trimestral e a próxima xuntanza quedou fixada para o vindeiro día 21 de xaneiro.
Unha vez máis, desde o Concello da Laracha queremos mostrar o noso pleno agradecemento a todos os sectores profesionais representados tanto nesta mesa como na de coordinación policial pola súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a lacra social da violencia de xénero, labor no que o noso municipio é un referente en Galicia polas iniciativas que se levan a cabo ao longo de todo o ano.