• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobado o proxecto de urbanización dun ámbito do Campo da Ínsua de Caión

29/09/2018

Na última sesión da Xunta de Goberno Local foi aprobado o proxecto de urbanización parcial da área de reparto do Campo da Ínsua de Caión. O Concello da Laracha promove e financiará integramente esta actuación que ten por finalidade a apertura dunha nova vía que enlace a rúa do Carme coa Avenida Méndez Núñez.

O proxecto está valorado en 258.000 euros e suporá unha mellora substancial nas comunicacións peonís e rodadas nesta zona residencial situada a carón do paseo marítimo, moi preto tamén do colexio de Caión, do cemiterio vello, do consultorio médico e do futuro centro comunitario.

O ámbito de actuación alcanza os dous mil metros cadrados de superficie, sobre os que se construirá unha estrada de sete metros de anchura (un carril de 3,5 metros de amplitude para cada dirección) máis zonas de aparcamento a ambos lados, beirarrúas e espazos axardinados. Contémplanse, tamén, melloras nas redes de abastecemento de augas e de saneamento, a rede de recollida de augas pluviais e as canalizacións soterradas dos servizos eléctricos, telecomunicacións e iluminación pública.

Recentemente o Pleno xa acordara financiar este proxecto con parte do remanente e superávit que deixou a liquidación do exercicio económico do ano anterior. A aprobación do proxecto por parte da Xunta de Goberno Local é o último trámite previo a estar en disposición de iniciar o procedemento de contratación .

Na reunión do executivo local tamén foron elevadas a definitivas as aprobacións dos dous proxectos de expropiación de terreos en Caión que promove o Concello. Un deles ten por finalidade completar a adquisición da totalidade das parcelas afectadas polo sistema xeral de paseo marítimo, situándose ditos terreos xunto á área verde existente nas inmediacións do aparcamento principal da praia. Isto permitirá mellorar as infraestruturas públicas existentes, con maior espazo de esparexemento e facilitando os accesos ao areal e ao paseo marítimo.

O outro expediente de expropiación refírese aos terreos afectados polo proxecto de mellora dos accesos principais á praia desde a Avenida da Laracha, onde o Concello ten proxectada a ampliación do sistema xeral viario para reforzar a seguridade creando unha senda peonil e aumentando a plataforma da calzada, que pasará a ter un carril para cada sentido de circulación.

Entre ambos expedientes o Concello da Laracha investirá preto de 20.000 euros na adquisición de dezanove parcelas que suman unha superficie de 3.657 metros cadrados. 

Salientar tamén que na sesión foron concedidas tres licencias urbanísticas.