• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba a adhesión do Concello ao convenio coa Xunta e a Fegamp para a xestión da biomasa preto das vivendas

27/09/2018

Hoxe celebrouse o Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. A sesión soamente contou coa presenza dos grupos de goberno (Partido Popular) e nacionalista (BNG) ao ausentarse os dous concelleiros do PSOE e o único edil do grupo mixto.

O Pleno estivo marcado pola unanimidade na maioría dos puntos da orde do día. Como cuestión de maior relevancia, foi aprobada a adhesión do Concello da Laracha ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o grupo Tragsa en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. Esta iniciativa, pioneira en Europa, pretende o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias  para protexer os núcleos de poboación, zonas edificadas, infraestruturas, equipamentos sociais, parques e polígonos industriais. Trátase dun instrumento de cooperación ao que os titulares deses terreos –a quen compete a obriga de mantelos en bo estado de conservación- poderán acollerse formalizando un contrato de xestión da biomasa nos seus montes, aboando unha tarifa uniforme de 350 euros anuais por hectárea, cantidade que é inferior aos custes económicos totais e sendo asumido o custe restante pola Xunta e o Concello.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, explicou que este convenio “libera aos concellos de responsabilidades e de cargas importantes” no control e limpeza subsidiaria destas zonas de monte e ofrece aos propietarios dos terreos un prezo “moi económico, duns 16 euros anuais por ferrado” para mantelos en boas condicións. O rexedor municipal aplaude tamén esta iniciativa porque “pretende evitar no posible os incendios forestais”.

Tamén houbo pleno consenso na aprobación dunha nova modificación de crédito por un importe de 3.150 euros que permitirá dispoñer dos fondos necesarios na aplicación orzamentaria correspondente para afrontar as gratificacións económicas aos efectivos da Policía Local polos servizos que están a prestar fóra da súa xornada normal de traballo. Neste punto o alcalde, José Manuel López Varela, unha vez máis agradeceu os servizos extraordinarios que están a realizar os catro efectivos operativos, que actualmente son dous funcionarios e dous auxiliares de Policía Local. Avanzou o rexedor que o Concello da Laracha convocará nos próximos días unha comisión de servizos con catro prazas para reforzar este departamento. López Varela tamén recordou que a Axencia Galega de Seguridade ten delegada a convocatoria de dúas prazas de Policía Local como funcionarios e que agarda que a incorporación, unha vez rematado o procedemento selectivo e os cursos formativos que deben superar os aspirantes, sexa en xullo do próximo ano.

A unanimidade repetiuse na aprobación dunha bonificación do cincuenta por cento no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) a un particular que promove o proxecto de rehabilitación do Pazo de Paradela (parroquia de Soandres), incluído na relación de bens do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co grao de protección ambiental. A rebaixa no tributo municipal suporá ao promotor un aforro de 750 euros. Esta bonificación no imposto para unha actuacións destas características está contemplada na ordenanza fiscal municipal número 17. O alcalde aproveitou a ocasión para “agradecer este tipo de iniciativas de particulares implicados na recuperación do patrimonio arquitectónico e histórico do municipio”.

Por último, salientar os votos en contra do BNG na aprobación da conta xeral do exercicio económico 2017, que se elevou ao Pleno tras superar o período de exposición pública sen terse presentado ningunha alegación ao documento. López Varela agradeceu ao persoal municipal adscrito ao departamento económico o seu traballo que “permite presentar en prazo a conta xeral”. O alcalde destacou que neste documento se evidencia “a boa situación económica do Concello da Laracha”, o que posibilita “non aplicar incrementos nos impostos municipais e continuar mellorando o excelente nivel de infraestruturas, programas e servizos que estamos a prestar”.