Concello
Formalizado o novo contrato do servizo da aula lúdica
24/09/2018
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e a representante da empresa Senes Cit S.L. formalizaron hoxe na sala de xuntas o novo contrato para a xestión do servizo que se presta ao longo de todo o ano na aula lúdica municipal. A duración deste acordo é por dous anos con posibilidade de prórroga por un ano máis. O importe da adxudicación ascende a 29.137,97 euros por cada unha das anualidades.
Tal e como se establecían os pregos redactados polo Concello da Laracha e que rexeron a convocatoria, o servizo comprende a apertura das instalacións, a vixilancia dos usuarios e a programación das actividades, que en todos os casos serán consensuadas polo persoal da aula lúdica co propio Concello e o Centro de Información ás Mulleres (CIM). Ditas actividades xirarán en torno á educación en igualdade, fomento da corresponsabilidade, prevención da violencia de xénero, bos hábitos sociais e educación para a saúde. Tamén haberá iniciativas ludo-recreativas, animación á lectura e actividades de psicomotricidade.
Todos os monitores que estean ao cargo dos nenos na aula lúdica municipal deberán contar coa correspondente titulación nesa materia e acreditar formación e experiencia nas áreas de igualdade e prevención da violencia de xénero.
O servizo que se ofrece na aula lúdica municipal a través do programa Harmoniza –cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo- é unha das principais medidas do Concello da Laracha dirixidas ao apoio da vida persoal e laboral das familias con nenos de entre 3 e 12 anos de idade ao seu cargo. O servizo continuará estando en funcionamento de luns a venres, pola tarde durante o curso escolar (de 16:30 a 20:30 horas) e pola mañá durante o verán (de 9:00 a 14:00 horas). Tal e como foi habitual nos últimos anos, no Nadal, Semana Santa e Entroido abrirase tanto en horario de mañá como de tarde.