• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

OS TEMPORAIS DE CHOIVA E VENTO PROVOCARON DANOS NO PASEO FLUVIAL DO RÍO ANLLÓNS DURANTE OS ÚLTIMOS DÍAS

12/01/2016

Os temporais que están a pasar por Galicia nos últimos días afectaron tamén ao Concello da Laracha. A combinación do terreo mollado polas intensas choivas e os fortes ventos rexistrados provocaron a caída de árbores en diferentes puntos do paseo fluvial do río Anllóns, o que supuxo danos de certa entidade nesta pasarela de madeira que supera os dous quilómetros e medio de lonxitude entre Gabenlle (parroquia de Torás) e O Formigueiro (Vilaño).   

A incidencia máis importante produciuse precisamente en O Formigueiro, xusto nun dos extremos do paseo. Un tronco de grandes dimensións caeu sobre as escaleiras situadas nese lugar. Por sorte non afectou a ningunha das partes do edificio do muíño que alí se atopa (cuberta, paredes e canles quedaron intactas). Ante o tamaño da árbore caída e a súa ubicación, foi preciso empregar un camión grúa para retirala.   

Os outros dous puntos afectados foron a ponte de acceso ao paseo fluvial desde a urbanización Buenos Aires (caída dun tronco) e a entrada desde a zona de Leborís (tres árbores). En ambos casos os troncos foron cortados e retirados por medios manuais.   

O Concello da Laracha estima en máis de dous mil euros o custo total das reparacións que se acometerán –unha vez remitan as malas condicións meteorolóxicas- no paseo fluvial do río Anllóns para recuperar a súa estrutura orixinal ao longo de todo o percorrido. Afortunadamente non se rexistrou ningún tipo de danos persoais.   

Desde o Concello da Laracha advertimos á cidadanía da conveniencia de evitar os paseos fluviais e outras zonas próximas aos ríos en xornadas de temporal. Tamén lembramos neste momento a importante labor realizada -especialmente durante o verán e parte do outono- polas brigadas medioambientais municipais, que retiraran troncos e árbores secas ou en mal estado precisamente para tratar de reducir este tipo de incidencias.

Compartir: