• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta incrementa nun 34% as horas asignadas ao Concello para o servizo de axuda no fogar por dependencia

22/09/2018

A Consellería de Política Social vén de aumentar o número de horas asignadas ao Concello da Laracha para atender casos de dependencia a través da prestación do servizo de axuda no fogar (SAF), un programa xestionado polos servizos sociais municipais e que, en casos de dependencia, é cofinanciado pola Xunta de Galicia, o Concello da Laracha e a achega do beneficiario, que varía segundo sexa o seu nivel de recursos económicos.

O Concello da Laracha dispoñía ata agora de 29.004 horas anuais para a prestación do SAF por dependencia. O aumento aprobado pola Consellería de Política Social é de 9.756 horas, o que supón un incremento de practicamente o 34%. O total ascende agora a 38.780 horas anuais que os servizos sociais municipais teñen a disposición para distribuír entre as persoas xa beneficiarias e os novos usuarios.

Para acceder ao SAF por dependencia é imprescindible ter recoñecido o grao de dependencia e ter resolto o programa individual de atención (PIA). As persoas que cumpren con ditas características ou ben xa reciben a prestación do servizo ou pasan a integrar a lista do programa de asignación de recursos (PAR).

Actualmente, coas horas de SAF por dependencia que ata este momento dispoñía o Concello da Laracha, estase prestando o servizo a corenta e nove usuarios. 

Os potenciais novos beneficiarios de SAF por dependencia serán as persoas que integran a lista do PAR, que a día de hoxe son dez. A partir da próxima semana, o persoal técnico de servizos sociais municipais contactará con esas familias para iniciar as entrevistas e asignar as novas  horas dispoñibles. A previsión é que os novos usuarios poidan a comezar a recibir o servizo a principios do mes de outubro. 

O Concello da Laracha celebra esta decisión da Xunta de Galicia, que posibilitará mellorar a atención e a calidade de vida de veciños que se atopan en situación de dependencia, ademais da creación de postos de traballo que tamén implicará o reforzamento deste servizo público.