• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os Concellos da Laracha e de Arteixo volverán organizar un novo obradoiro de emprego

19/09/2018

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia vén de resolver as subvencións outorgadas para a organización de obradoiros duais de emprego. O proxecto presentado polos Concellos da Laracha e de Arteixo foi un dos mellor puntuados pola Comisión Central de Valoración e, por tanto, ambos municipios terán a oportunidade de desenvolver conxuntamente por quinta vez un programa destas características.

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V é un programa mixto de formación e emprego dirixido a persoas que se atopan en situación de busca activa dun posto de traballo. O obxectivo é mellorar o currículo dos participantes e ofrecerlles un emprego remunerado ao mesmo tempo que realizan obras e traballos de interese comunitario para ambos municipios.

Nesta ocasión o programa propón a posta en marcha de dúas especialidades (pintura industrial en construción e traballos de carpintería e moble) con dez persoas en cada unha delas –vinte en total- máis os docentes e o equipo directivo. No Concello da Laracha as actuacións a realizar consistirán no pintado interior e exterior de edificios e instalacións de titularidade municipal. En Arteixo as obras centraranse no acondicionamento do espazo recreativo de sensibilización ambiental do entorno do Muíño da Cachada.

Este obradoiro de emprego incorpora como novidade incentivos económicos para a contratación dos alumnos-traballadores por parte das empresas unha vez remate o seu período formativo. Deste xeito favorecerase o propósito final, que é a integración dos participantes ao mercado laboral no sector privado.

O orzamento total desta iniciativa supera os 463.000 euros, dos cales preto de 289.000 euros serán achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. A duración do obradoiro será de nove meses, período durante o cal os alumnos-traballadores accederán a unha remuneración económica e, ao completar a especialidade correspondente, recibirán o título oficial que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para o labor profesional no módulo cursado. 

As experiencias dos últimos anos na organización destes programas mixtos de formación e emprego demostran que estes programas impulsados polos Concellos da Laracha e de Arteixo en colaboración coa Xunta de Galicia son unha excelente oportunidades para que os participantes poidan mellorar a súa formación e capacidades en sectores nos que existe demanda de traballadores.