• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza unha excursión a Portugal para persoas maiores, xubiladas e pensionistas

20/09/2018

O Concello da Laracha organiza a excursión a Portugal que se vai realizar do 18 ao 21 de outubro e que vai dirixida aos veciños do municipio maiores de sesenta anos de idade, xubilados e pensionistas.

O programa previsto consiste nunha viaxe en autobús, que partirá desde A Laracha o xoves 18 de outubro ás sete da mañá. O primeiro punto de destino será a localidade de Aveiro. A segunda xornada será na cidade de Oporto, con visitas previstas á catedral, Torre dos Clérigos, peirao do río Douro, convento de Sao Francisco e bodegas de viño de Vilanova de Gaia. No terceiro día Coimbra será o primeiro destino, con visita incluída á antiga universidade, e pola tarde farase un percorrido pola localidade de Nazaré. Por último, antes de emprender a viaxe de regreso faranse excursións por Braga e Valença do Minho.

O prezo por persoa en habitación dobre é de 240 euros –suplemento de 51 euros para os que desexen unha habituación individual-, que inclúe tres noites en hoteis de tres estrelas en réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea), guía en todas as visitas,entrada á universidade de Coimbra e seguro de viaxe. O Concello da Laracha subvencionará integramente o custe do transporte en autobús.

As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no novo edificio administrativo da Laracha. O prazo comeza o mércores da próxima semana (día 26) e rematará o 2 de outubro.

Hai cincuenta prazas dispoñibles. No caso de que o número de persoas interesadas en participar sexa superior ás prazas ofertadas, para outorgalas realizaríase un sorteo público o día 3 de outubro ás 11:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.