• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Formalizado o contrato de execución do novo proxecto de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha

07/09/2018

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e Diego Nieto en representación de Construcciones Ponciano Nieto S.L., rubricaron o contrato para a execución da obra contemplada no novo proxecto de mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial. Ao procedemento de contratación concorreran vinte e unha empresas, sendo a adxudicataria a que presentou a máis favorable para o Concello segundo a valoración técnica da Mesa de Contratación.

A actuación consiste en completar os accesos principais ao polígono industrial, tantos os peonís como os rodados, na zona sur e na nordeste, aumentando deste xeito a seguridade viaria nos dous ámbitos.

Na entrada polo sur construirase unha senda peonil que comunicará a primeira glorieta da área industrial entrando desde a AC-552 ata a seguinte rotonda.

No acceso nordeste (estrada de Lendo, xunto á DP 1913) completaranse as beirarrúas pola marxe dereita e ampliarase a anchura da plataforma da calzada.

En ambos puntos de intervención será mellorado o pavimento para facilitar a circulación rodada dos vehículos.

Este proxecto está valorado en 120.000 euros e é cofinanciado polo Concello da Laracha e a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia ao abeiro do programa de habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais públicos galegos.