• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Remata a execución do proxecto de mellora enerxética nos parques O Recreo e Maximino Canedo

31/08/2018

Os parques O Recreo e Maximino Canedo xa contan coas novas luminarias que foron instaladas grazas ao proxecto promovido polo Concello da Laracha e cofinanciado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte con fondos das axudas do Plan Leader, á súa vez cofinanciadas co Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2010 (PDR).

A actuación consistiu na renovación ao completo da iluminación exterior destes parques, dous puntos de encontro para a veciñanza situados en zonas céntricas e residencias da capital municipal. As luminarias foron substituídas por outras LED de última xeración e de alta eficiencia enerxética. Tamén se adaptaron os centros de mando coa instalación de reloxos astronómicos, equipamento que permite o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar.

Polas súas características o proxecto é rendible tanto no aspecto medioambiental como no económico, xa que o consumo eléctrico diminuirá en torno ao sesenta por cento sen afectar en absoluto á calidade do servizo que se ofrece á cidadanía.

O proxecto supuxo un investimento próximo aos 40.000 euros. En base aos informes técnicos, dita cantidade será amortizada en seis anos co aforro enerxético que suporá o cambio de luminarias.