• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O MINISTERIO DE SANIDAD PREMIA AO CONCELLO DA LARACHA POLAS SÚAS BOAS PRÁCTICAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

14/01/2016

O Concello da Laracha é un dos nove municipios españois galardoados polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) na cuarta edición dos Premios a las Buenas Prácticas en las entidades locales, cos que se recoñece a labor realizada en contra da violencia de xénero no ámbito municipal.   

No caso do Concello da Laracha, o premio foi outorgado na categoría de atención e apoio ás vítimas, valorándose o tratamento integral e de proximidade que se ofrece no Centro de Información ás Mulleres (CIM).   

O CIM da Laracha é un servizo municipal gratuíto e permanente, sendo as súas principais funcións as de informar e asesorar desde o punto de vista xurídico ás mulleres que sofren violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e ás persoas dependentes delas, así como proporcionarlles atención psicolóxica e realizar a labor de acompañamento. Tamén se lles ofrece información sobre os recursos dispoñibles (programas, axudas, cursos, conferencias, estudos, etc.) e, nos casos máis graves, realízanse as xestións urxentes cos servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xudiciais e sociais que sexan oportunos.   

Por outra banda, o CIM tamén desenvolve unha importante función de prevención en materias de violencia de xénero e xurdimento de malas condutas, promovendo a igualdade de oportunidades entre homes e muller coa posta en marcha de obradoiros nos centros de ensino, actividades de corresponsabilidade na aula lúdica municipal a través do programa Harmoniza e diferentes iniciativas en conmemoración do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A última delas foi a Festa da Igualdade celebrada precisamente na citada data no pavillón polideportivo municipal de Paiosaco, na que se contou con alumnos dos CEIP Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión.   

Ademais, desde o CIM organízanse e convócanse as mesas sectoriais de coordinación en materia de violencia de xénero (divididas en educativo-sanitaria e policial) que se reúnen cunha periodicidade trimestral.   

O Concello da Laracha mantén unha firme e decidida loita pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e en contra da violencia de xénero desde que no ano 2000 se aprobou o primeiro Plan de Igualdade municipal, sendo naquel momento pioneiro entre os municipios galegos do seu mesmo estrato poboacional á hora de desenvolver políticas de xénero. Actualmente está en vigor o terceiro plan, considerado un instrumento eficaz e eficiente de planificación política e técnica sobre esta materia.   

Desde o Concello da Laracha mostrámonos orgullosos de que o Goberno central e a FEMP mostren deste xeito o seu respaldo e impulso aos proxectos municipais que estamos a desenvolver durante os últimos anos nos eidos da sensibilización, prevención e, sobre todo, na asistencia ás vítimas da violencia de xénero. Tamén agradecemos e valoramos o esencial apoio económico da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia aos programas promovidos polo goberno local sobre esta temática.

Compartir: