• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inviste 115.000 euros na adquisición de terreos para a mellora de infraestruturas municipais

03/09/2018

O Concello da Laracha ten abertos catro procedementos de adquisición de terreos sobre os que se realizarán actuacións dirixidas á mellora de infraestruturas públicas de titularidade municipal. En total serán investidos en torno a 115.000 euros na compra das parcelas afectadas por proxectos que, polas súas características, son considerados de interese xeral para a veciñanza do municipio.

Dous destes procedementos están aprobados con carácter definitivo e, por tanto, na última fase do procedemento administrativo antes de facer efectiva a adquisición. En ambos casos trátase de expropiacións previstas en plans especiais promovidos polo Concello da Laracha.

O expediente de maior entidade está contemplado no Plan Especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís. Afecta a 9.437 metros cadrados de superficie sobre os que se realizarán tres actuacións principais: ampliaranse os espazos vinculados ao instituto, será construída unha pista multideportiva descuberta de uso libre e abrirase unha nova estrada que discorrerá pola parte posterior do instituto e que comunicaría directamente a avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª travesía Doutor López Astray, creándose unha circunvalación e mellorándose os accesos entre a zona de Santa Lucía (inicio da estrada A Laracha-A Silva) coa carreteira A Laracha-Soandres (Avenida Doutor López Astray).

A través do outro procedemento serán adquiridos 393 metros cadrados de superficie da parcela lindeira ao depósito de auga de Cillobre, que abastece aos cascos urbanos da Laracha e de Caión, así como ao parque empresarial. Trátase dunha actuación prevista no Plan especial do sistema xeral de infraestruturas de servizos (SXIS) de saneamento e abastecemento de auga.

Ademais, están en fase de aprobación inicial dous expedientes de expropiación en Caión que afectan a 3.657 metros cadrados. Trátase da compra das últimas parcelas cualificadas como sistema xeral de paseo marítimo que aínda non son de titularidade pública e tamén dos terreos necesarios para mellorar a estrada de acceso principal á praia, que pasará a ter un carril para cada sentido de circulación e unha senda peonil diferenciada.

Por outra banda, o Concello da Laracha tamén iniciou a tramitación doutros dous expedientes de expropiación contemplados no Plan especial de patrimonio cultural e consistentes na compra tanto dos terreos nos que se sitúa o menhir de Erboedo como os restantes do castro de Montes Claros –unha parte xa foi comprada a principios deste ano-. A superficie conxunta afectada é duns 36.000 metros cadrados, estando pendente de realizarse a valoración económica da adquisición.