Concello
O Concello instala mobiliario urbano en puntos estratéxicos das novas sendas peonís e ciclistas da estrada AC-552
01/09/2018
O Concello da Laracha dispón desde hai poucos meses de dúas novas sendas peonís e ciclistas construídas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia. Unha delas comunica Paiosaco con A Laracha e a outra, a propia capital municipal coa estrada do Igrexario da parroquia de Cabovilaño, no lugar de O Cancelo. Estes equipamentos melloran a seguridade viaria, facilitan as comunicacións e promoven os estilos de vida saudables.
Unha vez rematadas esas obras, o Concello da Laracha está a dotar co correspondente mobiliario urbano a ambas sendas. Deste xeito están a ser instaladas papeleiras e bancos en puntos estratéxicos da mesma, xa que se trata de lugares que, pola súa ubicación e anchura do tramo, non obstaculizan o tránsito nin de peóns nin tampouco de ciclistas.
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, supervisaron os traballos que se están a realizar na zona de Cillobre, na entrada ao casco urbano da Laracha desde Paiosaco.