• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

67 nenos xa están inscritos para beneficiarse do servizo municipal Madrugadores no próximo curso

25/08/2018

O vindeiro día 11 de setembro comezará o curso escolar 2018-2019 para os alumnos de educación infantil e primaria. Coincidindo con esa data, por segundo ano o Concello da Laracha porá en marcha nos centros de ensino Madrugadores, o servizo de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se presta a través do Programa Harmoniza, cofinanciado polo Concello da Laracha, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Os alumnos que se acollan a Madrugadores poderán acudir os días lectivos ao centro de ensino no que estean matriculados desde as sete da mañá, onde permanecerán ata o inicio da actividade no colexio ao cargo de persoal especializado e realizando actividades ludorecreativas. Existen diferentes modalidades (mes completo, días soltos e uso ocasional, en todos os casos coa opción de incluír ou non o almorzo), podéndose acoller cada usuario á que mellor se adapte ás súas necesidades. As cotas a aboar por cada usuario variarán tendo en conta precisamente a opción escollida e os recursos económicos de cada familia beneficiaria.

Nestes momentos xa hai un total de 67 nenos inscritos en Madrugadores, dos cales medio centenar son alumnos do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha e dezasete, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, centro no que o servizo será prestado por primeira vez. Nestes dous colexios a totalidade dos solicitantes obtiveron a súa praza. No caso do CEIP de Caión requírese dun mínimo de seis beneficiarios para poder poñer en marcha o programa. En todos os casos, a inscrición permanecerá aberta durante todo o curso escolar e debe formalizarse acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha.

Co propósito de comentar todas as cuestións relativas a Madrugadores e aclarar calquera dúbida que poida presentar ao respecto, o Concello da Laracha convocou dúas reunións cos pais dos beneficiarios do servizo. A dos usuarios do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco será o mércores 5 de setembro e a dos do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, no día seguinte, o xoves 6 de setembro. En ambos casos realizarase no edificio administrativo da Laracha a partir das 19:30 horas.

Con esta iniciativa o Concello da Laracha dá resposta ás necesidades que se lles presentan a cada vez máis familias residentes no termo municipal, para as que a diferenza de horarios entre o inicio da actividade laboral dos proxenitores e a dos centros de ensino para os nenos dificultan a conciliación. Cabe lembrar que o Concello da Laracha tamén ofrece ao longo de todo o ano o servizo gratuíto de aula lúdica municipal para nenos de 3 a 12 anos, estando dispoñible polas tardes durante o curso escolar e polas mañás no verán.