• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renova o pavimento do interior do recinto do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco

24/08/2018

Cando restan apenas tres semanas para o inicio do curso escolar 2018-2019, o Concello da Laracha está a acometer actuacións de mellora das instalacións dos centros educativos para que estean nas mellores condicións para recibir ao persoal, profesorado e alumnado no comezo da actividade lectiva.

Nestes días estase intervindo no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. A actuación máis destacada céntrase xusto no acceso principal ao colexio, un amplo espazo empregado como patio polos alumnos durante o horario lectivo e ao que acceden para manobrar os buses do transporte escolar ao inicio e ao remate de cada xornada. Todo este ámbito está a ser dotado cun novo pavimento, diferenciando cunha tonalidade vermella a área máis próxima ao parque infantil.

O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro de Obras, Jesús Souto, e a edil delegada da área de Educación, Patricia Bello, acudiron hoxe ás instalacións do centro para interesarse polo desenvolvemento das obras.

Paralelamente estase traballando tamén no acceso exterior desde a rúa A Porta Santa, mellorando tanto a beirarrúa da marxe esquerda como o arcén da estrada na marxe dereita, facilitando deste xeito o tránsito a pé e rodado e, por tanto, reforzando a seguridade viaria.

A outra intervención de certa entidade no colexio de Paiosaco é a mellora do pavimento e do peche perimetral do parque infantil despois de terse substituídos recentemente os xogos.

Todas estas actuacións, ademais doutras menores para a posta a punto das instalacións, realízanse en consenso co equipo directivo do centro e coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.