• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A aula lúdica municipal conta neste verán con 150 usuarios

23/08/2018

A aula lúdica municipal do Concello da Laracha está a rexistrar excelentes cifras de asistencia desde que se adaptou o seu horario ás vacacións de verán tras rematarse o curso escolar. Durante os meses de xullo e agosto están a acudir a esta instalación municipal, situada no edificio de servizos múltiples, unha media de sesenta e cinco nenos en cada xornada. 

Actualmente son un total de 150 os rapaces matriculados como usuarios da aula lúdica, estando totalmente cuberto o cupo de prazas dispoñibles. As persoas que soliciten novas matrículas pasarán a unha lista de espera e poderán ser usuarios en función dos rapaces que se dean de baixa. Os únicos requisitos para presentar a solicitude é que o neno estea empadroado no Concello da Laracha e teña entre 3 e 12 anos de idade.

Na aula lúdica municipal os rapaces están en todo momento atendidos por persoal docente especializado en educación infantil e acompañados a diario, ademais, por mozos que forman parte do programa de voluntariado xuvenil que está a desenvolver o Concello da Laracha en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Os usuarios da aula lúdica realizan, en compañía de rapaces da súa mesma idade, diversas actividades didácticas e educativas, ademais de asistir a sesións de contacontos e realizar saídas diarias a parques infantís do casco urbano da Laracha (Praza do Concello e parque O Recreo). Tamén se levan a cabo puntualmente excursións, como a prevista ao parque de Gabenlle na xornada do martes da semana que vén. O contido de todas as actividades, centrado na promoción das boas prácticas, valores e na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, é consensuado polo persoal da propia aula lúdica e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha.

O servizo que se ofrece nesta instalación municipal a través do programa Harmoniza –cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo- é unha das principais medidas do Concello da Laracha dirixidas ao apoio da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo. A aula lúdica está en funcionamento de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas durante os meses de verán e non ten custo algún para os seus usuarios. Cando se inicie o curso escolar, recuperarase o horario de tarde habitual. O prazo de inscrición para esa época xa está aberto e debe formalizarse acudindo ao CIM, situado no edificio de usos administrativos.