• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello construirá un novo viveiro de empresas no polígono e habilitará un centro municipal de emerxencias

23/08/2018

Hoxe celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno convocada para tratar tres cuestións de índole económico, sendo a máis relevante a de aprobación inicial –coas abstencións dos concelleiros do grupo mixto e do grupo socialista- dun novo suplemento de crédito –o segundo no que vai de ano- para incorporar aos orzamentos xerais municipais a cantidade de 629.302 euros procedentes de parte do remanente líquido de tesourería e do superávit que deixou a liquidación do exercicio económico do ano anterior. Dita cantidade destinarase integramente a mellorar infraestruturas municipais con investimentos financeiramente sostibles.

O alcalde, José Manuel López Varela, apuntou que estas actuacións serán realidade “grazas á saneada situación económica do Concello da Laracha, xa que “a xestión do goberno permite agora poder dispoñer do remanente”. Este suplemento de crédito, sumado ao aprobado con carácter definitivo no día de onte coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), supón un incremento de case 1,2 millóns de euros nos investimentos inicialmente previstos para este exercicio.

Entre as obras que se desenvolverán con cargo ao suplemento de crédito aprobado hoxe con carácter inicial, o rexedor municipal quixo salientar dúas especialmente. Por unha parte, anunciou que será construído un novo edificio na marxe esquerda do acceso principal ao polígono industrial para albergar o viveiro de empresas, nunha actuación valorada en 395.000 euros e que será cofinanciada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. López Varela explicou que o outro edificio que está practicamente rematado e que ía destinarse precisamente a esa actividade será convertido nun centro municipal de emerxencias, formando a base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e das brigadas de incendios. No inmoble tamén será reservado espazo para habilitar salas de formación e un obradoiro para os diferentes programas de emprego que se desenvolvan desde o Concello.

Outra actuación que destacou o alcalde foi a urbanización da zona da Ínsua de Caión. O proxecto deseñado polo Concello contempla enlazar a rúa do Carme –establecendo o sentido único de circulación- co outro extremo da zona da Ínsua, abrindo unha nova vía e mellorando deste xeito a circulación en todo o ámbito.

Os outros proxectos que se levarán a cabo son a creación dunha aula de informática no novo edificio administrativo, melloras nos accesos e no pavimento do interior do recinto dos centros de ensino (CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión), actuación relacionada coa eficiencia enerxética na piscina municipal, ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga, melloras nas canalizacións e servizos no ámbito do parque empresarial da Laracha, actuacións na iluminación pública, ampliación da sinalización viaria e de indicadores das vivendas das parroquias, adaptación de beirarrúas na Praza Eduardo Vila Fano de Caión e adquisición de mobiliario para diferentes edificios públicos de titularidade municipal. 

Por outra banda, aprobouse reforzar a achega municipal á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha, aumentándose en 20.000 euros (30.000 en total) debido ás numerosas actuacións que están a realizar e á previsión da súa actividade no que resta de ano, e tamén á Comisión de Festas de Torás, que se incrementa en 14.000 euros (22.000 en total) con motivo do interese cultural do programa de actos desenvolvido do 14 ao 17 de agosto durante as Festas Patronais da Laracha.

Ao tratarse, en ambos casos, de subvencións nominativas, a tramitación requiriu da aprobación por parte do Pleno tanto das dúas transferencias de crédito como da modificación da base de execución número 20 dos orzamentos xerais municipais. Os dous asuntos saíron adiante cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro do grupo mixto e as abstencións dos grupos do BNG e do PSOE.