• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Rematan as obras de renovación do céspede do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco

21/08/2018

O alcalde, José Manuel López Varela, o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, mantiveron esta mañá unha reunión no campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco cos responsables da dirección de obra e da empresa –Mondo Ibérica S.A.- que executou o proxecto de renovación do céspede nesta infraestrutura deportiva de titularidade municipal. Tamén estivo presente na xuntanza Carlos García, o presidente da Unión Deportiva Paiosaco.

O motivo do encontro foi realizar as comprobacións da correcta execución do proxecto e recibir as obras que se realizaron durante os dous últimos dous meses. Fixéronse durante o verán para aproveitar o menor volume de actividade nesta época do ano debido ao parón entre o remate das competicións da temporada pasada e o inicio da campaña 2018-2019.

As obras iniciáranse a principios do pasado mes de xullo coa retirada dos antigos tepes do terreo de xogo e a súa contorna, a completa limpeza do ámbito que ocupa o campo e a retirada do caucho que fora aportado ao céspede.

A continuación realizouse a substitución do sistema de rego existente, contándose agora con seis aspersores emerxentes de longo alcance situados no perímetro do terreo de xogo, en concreto nas catro esquinas e un a cada lado da liña do centro do campo.

Por último, procedeuse á instalación do novo céspede nos 105x66 metros de dimensións da área de xogo, así como nas bandas laterais e nos fondos. Sobre el foron marcadas en cor branca as liñas do campo de fútbol 11 e en cor azul, ao ancho, dous campos de fútbol 7. O material empregado cumpre cos requirimentos da Federación Internacional de Fútbol (FIFA).

O Concello da Laracha promoveu e financiou integramente con fondos propios municipais este proxecto, que está valorado en 237.000 euros. 

Nos próximos días as instalacións estarán listas para o seu uso habitual. Ademais de actividades municipais organizadas directamente polo Concello da Laracha, no campo A Porta Santa desenvolve a maior parte da súa actividade –adestramentos, partidos e reunións- a U.D. Paiosaco, que na temporada pasada contou con dezaoito equipos e máis de trescentas fichas entre os xogadores de veteranos, o equipo sénior e os das categorías de base. 

A inauguración oficial do novo céspede será na primeira fin de semana de setembro, coa disputa do encontro entre a U.D. Paiosaco e o Alondras, o primeiro partido como local na historia da entidade verdibranca na Terceira División.