• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A cuarta edición do concurso A Laracha de Tapas celebrarase do 10 ao 12 de agosto

28/07/2018

A Laracha de tapas volverá na fin de semana do venres 10 ao domingo 12 de agosto coa cuarta edición deste certame que o Concello organiza na véspera das Festas Patronais da Laracha co obxectivo esencial de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, ademais de poñer e valor os produtos locais e o sector da restauración.

O Concello da Laracha realizou unha campaña para informar individualmente a todos os establecementos hostaleiros da capital municipal sobre a posibilidade de apuntarse e participar no evento. Unha vez finalizado o prazo, son doce os establecementos que formarán parte desta iniciativa.

Tal e como estipulan as bases do certame, cada establecemento participante presentará unha única tapa orixinal, deseñada especificamente para o concurso, que deberá ter a disposición do público ao prezo de 1,50 euros (consumición aparte) o venres día 10 en de 19:00 a 00:00 horas e o sábado e o domingo, tanto en horario de mañá (12:00 a 15:00 horas) como de tarde e noite (19:00 a 00:00 horas).

Todas as tapas terán un nome descritivo e serán elaboradas de xeito artesanal, incluíndo canda menos un produto galego autóctono de calidade.

A Laracha de tapas conta con dúas categorías de galardóns. O premio do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes. 

A categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros, seleccionados polo Concello, acudirán identificados a cada local para degustar as tapas, valorar e seleccionar as mellores creacións.

Para facilitar o desenvolvemento das tres xornadas do evento A Laracha de tapas e a información que se ofrecerá ao público, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento.